Tony Pérez queda segundo nunha proba do Open de España de enduro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Podium

Podium

O open de España de enduro BTT chegaba este fin de semana á vila malagueña de Ojén para disputar a segunda carreira desta proba nacional. Este domingo celebrábase a xornada de competición na que o vigués Tony Pérez conseguía a segunda posición. A carreira estivo moi rifada e determinada pola máis absoluta igualdade nos primeiros postos, mantendo a disputa ata practicamente o final. A falta de percorrer o último tramo cronometrado, só un segundo separaba ao vencedor Jacobo Santana de Tony Pérez. E o terceiro e cuarto posto só estaba marcado por unha diferenza de apenas dous segundos. 

Finalmente, Jacobo fixo scratch cun crono de 21:33, seguido polo vigués Tony Perez que finalizaba cun tempo de 21:41. “Foi moi disputada entre Jacobo e eu, mesmo nalgún momento cheguei a porme de líder. Pero tiven un fallo gordo no tramo 4, e xa sabía que Jacobo no 5 sería superior e así foi. Pero estou contento porque vexo que estou ben de forma”, aseguraba Tony Pérez, corredor vigués do equipo Intense Store. 

A clasificación xeral quedou liderada por tanto polo corredor alacantino Jacobo Santana, seguido de Tony Pérez, e terceiro o madrileño Iago Garay.

En total, 225 corredores tomaban a saída na mañá deste domingo desde o centro de Ojén para dirixirse cara á montaña en plena Serra das Neves, onde se disputarían os cinco especiais que compuñan esta segunda proba do Open. En total, os deportistas tiveron que percorrer os algo máis de 35 quilómetros cronometrados, que combinaban á perfección a dureza física coa máis estrita técnica encima dunha bicicleta. 

A calor foi o protagonista dunha xornada que todos os corredores definiron como dura, tanto polas condicións meteorolóxicas de altas temperaturas, como pola sequidade do terreo.

A organización xa se atopa traballando na terceira e última carreira do Open de España de enduro, que esta vez levará aos corredores os próximos días 11 e 12 de xullo ata Castejón de Sos, en plena montaña pirenaica, para disputar a proba noutra paraxe completamente diferente onde competiron ata agora, nas localidades de Tui – Valença do Minho e Ojén. E que é esa diversidade de climatoloxía e de terreos o que define esta edición do Open de España de enduro. 

8 de xuño de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.