Todo listo para o inicio de Arde Lvcvs 2015 que arranca con máis de 260 actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A concelleira Carmen Basadre subliñou este xoves que os preparativos para o Arde Lvcvs 2015 están listos en todos os eidos, organización de actividades e dispositivo de seguridade. Neste senso, Basadre destacou a coordinación e o reforzo das distintas forzas e corpos de seguridade -Policía Nacional, Autonómica e Local-, os bombeiros e o servizo de Protección Civil para garantir que as máis de 260 actividades diferentes programadas para estes días discorran sen ningún tipo de incidente. A concelleira tamén informou de que, “tanto o persoal responsable dos servizos eléctricos do Concello, como os de auga, mantiveron reunións coas diversas asociacións de recreación histórica da cidade para que non existan problemas nos campamentos e saiban empregar axeitadamente as medidas de protección”.

Basadre quixo destacar “o bo comportamento dos visitantes durante todos estes anos”, e recomendoulle aos interesados que aproveiten os descontos que ofrecen tanto Alsa como Arriva ou Renfe para achegarse a Lugo. Do mesmo xeito, pediu aos que viaxen en coche particular que utilicen os estacionamentos da cidade ou lonxe do centro histórico para evitar o embotellamento da circulación.

Xunta de Goberno

A concelleira falou dos preparativos e o operativo de seguridade do Arde Lvcvs durante a rolda de prensa posterior á primeira Xunta de Goberno Local provisional, que precisamente, ademais da constitución do propio órgano, aprobou a autorización para que o persoal de Conserxería realice servizos extraordinarios durante o festexo, ante a necesidade de ampliar os horarios de apertura ao público do centro social Uxío Novoneyra e a casa consistorial. 

5 socorristas

Dos asuntos tratados na Xunta de Goberno informou o voceiro municipal socialista, Miguel Fernández, que xunto a Basadre, estivo acompañado pola Acaldesa, Lara Méndez, e a concelleira Ana Prieto. Deste xeito, ademais dos servizos extraordinarios necesarios para o Arde Lvcvs, Fernández deu conta da aprobación das bases para o procedemento selectivo de 5 socorristas, que prestarán servizos de vixiancia e salvamento nas áreas recreativas con zonas de baño da cidade a partir de primeiros de xullo e durante dous meses. 

Seguidamente á Xunta de Goberno ordinaria, que aprobou estes dous asuntos, tivo lugar unha de carácter extraordinario, na que, segundo informou Miguel Fernández, se acordou delegar na Alcaldesa a xestión económica de gastos e ingresos, coa excepcións de subvencións e contratos a partir dunha determinada cuantía.

A Xunta de Goberno celebrarase os mércores, ás 9.30 horas, ata que non se constitúa o novo executivo municipal.

18 de xuño de 2015 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.