publicidade hoxe

“Termas de Cuntis” mostra o seu interese no proxecto do balneario de Ponte Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCuntisLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+

Os propietarios da empresa “Termas de Cuntis” manifestaron interese no proxecto do balneario de Ponte Caldelas durante unha reunión mantida esta mesma semana co alcalde en funcións do municipio, Perfecto Rodríguez, nas instalacións que esta empresa ten na vila termal.

Esta reunión produciuse en Cuntis, a proposta da empresa, co fin de que Perfecto Rodríguez lle puidese entregar un completo dossier informativo no que figuran as características do proxecto do Balneario de Ponte Caldelas así como a situación na que se atopan todas as autorizacións urbanísticas e administrativas necesarias para poder levar a cabo o proxecto do Balneario de Ponte Caldelas. O proxecto conta con todas estas autorizacións.

Este completo dossier acompañou ao alcalde en funcións nas numerosas reunións mantidas ao longo dos últimos tempos con empresarios, promotores, investidores nacionais e internacionais, expertos en turismo termal e de augas medicomedicinais, administracións, entidades de promoción pública e privada, etc.

Ao mesmo tempo, o rexedor aproveitou a súa visita ao Balneario de Cuntis para comprobar, de primeira man, o traballo desenvolvido por esta empresa na vila termal coa intención de coñecer, persoalmente, a filosofía de traballo e o proxecto empresarial que lidera Termas de Cuntis nese municipio.

Perfecto Rodríguez insistiu ante os seus interlocutores na idoneidade e vixencia do proxecto do Balneario de Ponte Caldelas, ligado ao seu emprazamento tradicional xunto ao río Verdugo, e ofreceuse para interceder ante o SAREB (banco malo) co fin de facilitar ao máximo o contacto cos responsables desta entidade co obxectivo de favorecer a posible adquisición dos terreos por parte desta empresa se finalmente decide desenvolver o proxecto do Balneario. O rexedor en funcións considera que no SAREB hai unha “moi boa disposición” para permitir a venda dos terreos a un prezo razoable de mercado e confía en que non porían ningún obstáculo para a súa posible adquisición.

Así mesmo, Rodríguez insistiu durante a reunión na viabilidade do proxecto do Balneario de Ponte Caldelas e brindouse a acompañar á empresa no caso de que decidan levar adiante o proxecto, en todos os labores administrativos e de xestión necesarias desde o punto de vista urbanístico e administrativo xa que coñece, desde o principio, a xestación e o estado no que se atopa calquera trámite ou licenza que permita retomar esta iniciativa.

CONTACTOS INICIADOS FAI MÁIS DUN MES COA INTENCIÓN DE REVITALIZAR UN PROXECTO QUE CONTA CON TODAS AS AUTORIZACIÓNS E QUE REPRESENTA O FUTURO DE PONTE CALDELAS

Os contactos coa empresa iniciáronse fai xa máis dun mes e o alcalde en funcións de Ponte Caldelas entón trasladoulles cumprida información sobre as enormes posibilidades que presenta este proxecto desde o punto de vista turístico e mineromedicinal.

Así mesmo, antes deste encontro persoal, representantes da propia empresa trasladáronse ata Ponte Caldelas para comprobar “in situ” as posibilidades que ofrece o Balneario caldelense do que destacaron, sobre todo, a súa localización xunto ao río, así como toda unha serie de elementos que reforzan a idoneidade deste proxecto como a intervención municipal realizada nos últimos anos no acondicionamento dos paseos fluviais e posta en valor das marxes do río Verdugo, a escasa distancia ao núcleo urbano, así como a beleza e harmonía urbanística existente na vila, ademais do valor turístico e ambiental engadido do que dispón Ponte Caldelas coa recente concesión da Bandeira Azul para a praia fluvial da Calzada, primeira destas características en toda España.

“PODEMOS TER UNHA NOVA OPORTUNIDADE QUE ESPEREMOS QUE NON SE MALOGRE CUN TRIPARTITO EN PONTE CALDELAS CON TRABAS ABSURDAS COMO SUCEDEU EN TEMPOS DO BIPARTITO NA XUNTA”

O alcalde en funcións manifestou a súa esperanza pola posible reactivación deste proxecto que foi unha das súas principais preocupacións ao longo dos seus anos de mandato, aínda que sempre dependeu da procura dun investidor privado. Así mesmo, sinalou que “sigo e seguirei traballando por Ponte Caldelas ata o último segundo deste mandato coa intención clara e decidida de conseguir o mellor para o futuro do municipio. Temos que aproveitar esta nova oportunidade que se nos presenta esperando que quen teña a responsabilidade de gobernar o Concello (nós ou quizais un tripartito unido só polo interese de evitar a nosa continuidade á fronte do  Consistorio) non frustre e non malogre, con trabas absurdas como sucedeu en tempos do bipartito na Xunta, unha posible oportunidade de futuro para Ponte Caldelas. A razón do balneario sempre estivo ligada á súa localización natural, xunto ao río, e non no medio do monte como propón o candidato socialista demostrando o seu total descoñecemento da realidade e falta de sensatez habitual”.

“Como alcalde —recoñeceu Perfecto Rodríguez— non deixei nin un só día de ter presente a procura dunha solución para o balneario de Ponte Caldelas para o que me entrevistei con empresarios do sector hoteleiro e termal, construción, operadores turísticos, entidades públicas e privadas de promoción e investimento, etc. porque sei da importancia e a responsabilidade que como alcalde ten este tema. Agora volve haber unha nova esperanza á que nos debemos aferrar con forza e espero que ninguén interfira para poder, de novo, malograla como sucedeu cando estaba o Partido Socialista á fronte da Consellería encargada de dar luz verde ao proxecto e que no canto de axilizar as autorizacións dedicouse a atrasalas e boicotealas dando ao traste co proxecto ata que, coa chegada de novo do PP á Xunta púidose reactivar de inmediato aínda que xa era tarde para a empresa, embargada polos bancos e a crise”, concluíu Perfecto Rodríguez.

5 de xuño de 2015 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.