publicidade hoxe

Teresa Villaverde toma posesión como alcaldesa de Lousame

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Pleno de toma de posesión

Pleno de toma de posesión

O pleno municipal de Lousame elixiu esta mañá a Teresa Villaverde Pais como alcaldesa de Lousame para os próximos catro anos. Un labor que a alcaldesa lousamiana asumiu “dende o compromiso fundamental da honestidade” e se comprometeu a “gobernar estes catro anos con lealdade absoluta cara o pobo de Lousame, onde primará sempre, por riba de ideoloxías políticas, o interese xeral dos lousamianos e lousamianas”.

Villaverde tendeu a man aos grupos da oposición porque “cando se fala dos veciños e veciñas de Lousame debe ser máis o que nos una que o que nos separe” e pediulles “a mesma lealdade que eu lles ofrezo, non cara a miña persoa, senón cara o pobo de Lousame. Sempre que o fagan, atoparán a mina man tendida”. Neste sentido, lembrou que “a maioría coa que conta este Goberno é clave como elemento de estabilidade no día a día, pero non impide que todas e cada unha das propostas da oposición sexan escoitadas, respectadas e valoradas”.

Neste sentido, Teresa Villaverde lembrou aos presentes que “non vimos aquí a crear problemas. Os veciños nos elixiron para dar resposta ás súas inquedanzas e solucións aos seus problemas. E ese debe ser o noso cometido”. Por iso, Villaverde quixo compartir o bastón de mando recibido hoxe “con todos os veciños e veciñas de Lousame, pois eles serán os que marquen os meus pasos como alcaldesa”.

A alcaldesa de Lousame tivo tamén verbas de agradecemento para todos os homes e mulleres que formaron parte do pleno municipal dende a primeira corporación democrática e, en especial, para os seus dous predecesores, José Ramón Vidal e Santiago Freira, “polo seu traballo e dedicación”. Un recoñecemento á un labor “que deixou unha pegada imborrable no noso municipio”.

Toma de posesión 

O acto de toma de posesión estivo presidido polo popular Ramón García Conde, como concelleiro de maior idade, e co socialista Iván Bermúdez Castro como vogal. Os concelleiros electos tomaron posesión dos seus cargos partindo dende o público, que encheu o salón de plenos de Lousame. A única excepción foi Iolanda Mato, quen solicitou o permiso da Secretaría Municipal para permanecer entre o público para poder atender con maior comodidade ao seu bebé. Unha petición que foi aceptada. 

Acto seguido, todos os concelleiros prometeron ou xuraron os seus cargos, pasando despois á elección do alcalde/alcaldesa. Teresa Villaverde foi elixida alcaldesa tras unha votación a man alzada na que cada grupo municipal votou polo seu propio candidato. Así, Villaverde recibiu os seis votos do Partido Popular; fronte aos 3 votos recibidos por Julio Paradela (PSOE); e o voto recibido por Iolanda Mato (Partido da Terra de Lousame) e Amador Turnes (BNG).

A corporación municipal queda, pois, do seguinte xeito:

María Teresa Villaverde Pais (PP)

Ramón Manuel Martínez Rial (PP)

Ramón Figueroa Pérez (PP)

María Regenjo Vázquez (PP)

Silvia Agrafojo Filgueira (PP)

Ramón García Conde (PP)

Julio Manuel Daniel Paradela Busto (PSOE)

Beatriz González Bargo (PSOE)

Iván Bermúdez Castro (PSOE)

Iolanda Mato Creo (Partido da Terra de Lousame)

Amador Turnes Núñez (BNG)

 

13 de xuño de 2015 | 16:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.