Talabarte trae á Casa do Concello de San Sadurniño “Ao son da cociña. Music and food experience”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Este domingo 28 volve haber mercado local en San Sadurniño. Unha cita á que a partir de agora o Concello lle quere engadir actividades paralelas coas que aproveitar o tirón que ten xa de por si o evento. Unha das máis novidosas é o concerto que ofrecerá a partir das 13.00h. o trío Talabarte, no que mestura a música e a cociña nunha proposta pensada para alimentar os sentidos. As entradas custan 12€€ e inclúen unha visita polo edificio, o concerto, o vermú e a degustación dos petiscos que prepará o chef Xián Herrera. O aforo está limitado a 70 persoas e xa se apuntaron case medio cento, polo que cómpre bulir nos días que quedan para reservar sitio nesta experiencia. Ademais, quen comparta o evento creado no Facebook do Concello de San Sadurniño poderá obter dúas entradas de balde.

Durante o mes de xuño Talabarte está levando o seu novo traballo musical a enclaves únicos galegos. Xa estiveron no Dolmen de Dombate, nun catamarán pola ría de Pontevedra e tamén no Muíño das mareas de Muros. Esta fin de semana pechan a primeira parte da súa xira. O sábado á tarde estarán no faro de Cabo Vilán e o domingo chegarán ao antigo Pazo da Marquesa cun xeito ben novidoso e alternativo de consumir cultura. 

O trío composto por Quim Farinha, Pedro Pascual e Kin García é especialista en facer mesturas a través da música. Escoitalos é meterse na tradición actualizada e salpimentada con estilos doutras partes do mundo. Agora dan un paso máis e súmanlle á receita un contorno -neste caso un edificio histórico- e aromas e sabores cos que enriquecer a experiencia. 

Na súa xira “Ao Son da Cociña. Music and Food Experience”, Talabarte fichou un cuarto compoñente, o cociñeiro Xián Herrera, que se incorpora ao grupo para crear petiscos ao ritmo das melodías -Da Vinci dicía que en todas as cociñas debía haber música para traballar mellor- convertendo cada concerto na versión depurada dunha sesión vermú. De feito haberá vermú galego Nordesía para acompañar a degustación das delicias preparadas por Herrera con produtos galegos de calidade. 

Quen queira participar da experiencia músico-culinaria debe reservar entrada chamando ao 981 582 836 ou enviar un correo a info@culturactiva.org. Ademais, quen comparta o evento creado no Facebook do Concello de San Sadurniño poderá obter dúas entradas completamente de balde. O ganador ou ganadora darase a coñecer o venres ás 14.00h.

23 de xuño de 2015 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.