Suso Pedreira renuncia á súa acta de concelleiro en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOrdes
A-
A+

O secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Suso Pedreira, non tomará posesión da súa acta de concelleiro na sesión plenaria do vindeiro sábado 13 de xuño e convocará eleccións á Secretaría Xeral da Agrupación Socialista de Ordes a finais deste mesmo ano. Así llo comunicou Pedreira aos afiliados e militantes socialistas durante a asemblea celebrada onte xoves na sé dos Socialistas ordenses.

“Os resultados das pasadas eleccións foron moi malos e asumo toda a responsabilidade”, explicou Pedreira aos presentes, a quen lles indicou que “despois de doce anos xa é hora de deixar paso, aínda que sempre estarei a disposición do PSOE e de Ordes”. Pedreira agradeceu especialmente o apoio e a colaboración ofrecidos polos veciños e veciñas de Ordes, en especial polos militantes e simpatizantes socialistas, durante os seus anos como concelleiro, “nos que espero ter contribuído a mellorar a calidade de vida dos ordenses”.

“Unha persoa moi válida e intelixente”

Suso Pedreira ratificouse ante a asemblea na súa intención de “propiciar unha transición tranquila na Agrupación Socialista de Ordes seguindo a folla de ruta que nos marcamos tras as eleccións do 24 de maio”. Neste sentido, explicou que será a número dous da candidatura, Verónica Gómez Fuentes, quen ocupe o escano conseguido pola Agrupación Socialista de Ordes nas pasadas.

“Verónica é unha persoa moi válida, moi traballadora e moi intelixente. E estou convencido de que será unha gran concelleira”, indicou Pedreira Mirás. Neste sentido, incidiu en que “Verónica levou gran parte do peso desta campaña electoral e estou convencido de que, coa experiencia que adquirirá como concelleira, converterase nunha das persoas chamadas a liderar o cambio en Ordes nos próximos anos”. Así mesmo, Pedreira confirmou que “Verónica contará con todo o meu apoio e colaboración, aínda que estou plenamente convencido de que saberá afrontar este desafío”.

Non a Regos

A secretaria de Organización do PSdeG-PSOE, Pilar Cancela, estivo presente na asemblea celebrada na noite do xoves e confirmoulles aos militantes socialistas que o alcalde en funcións de Ordes, Manuel Regos, non entrará nas filas do Partido Socialista. Así mesmo, confirmou que ningún integrante da Agrupación Socialista de Ordes avalou nin solicitou a entrada de Regos no partido socialista, senón que foi o propio Manuel Regos quen, acompañado por outros integrantes de UXO, acudiu esta semana á rúa do Pino para solicitar o seu ingreso no Partido Socialista.

Cancela escoitou as razóns esgrimidas por Regos para solicitar o ingreso no PSOE e así evitar que o PP gobernase o Concello de Ordes. Tras consultar esta posibilidade co secretario xeral da Agrupación Socialista de Ordes, Xesús Pedreira, e co seu homólogo do BNG, Bieito Lobeira, a secretaria de Organización do PSdeG transmitiulle a Regos que a súa petición non era aceptada.

Campaña de mentiras do BNG

Xesús Pedreira asegura que “é unha vergoña ver as mentiras que o señor Ramiro Recouso anda dicindo por Ordes, como que fun eu quen levou a Regos á rúa do Pino, cando non son máis ca invencións do BNG para tentar de desviar a atención sobre a realidade: que o Partido Popular vai gobernar Ordes grazas á colaboración dos nacionalistas”. Neste sentido, lamenta a campaña de desprestixio lanzada polo BNG sobre os socialistas ordenses nunha cuestión na que a Agrupación Socialista de Ordes non tivo ningún tipo de responsabilidade. Pedreira lembra que “cun concelleiro, o PSOE nada ten que dicir na conformación do próximo Goberno de Ordes. Pola contra, o BNG está favorecendo que o PP goberne Ordes con maioría absoluta dentro dun par de meses. E iso haberá que agradecerllo ao señor Ramiro Recouso, non ao PSOE de Ordes”.

O secretario xeral dos Socialistas de Ordes fixo un balance positivo da súa xestión durante estes anos pois “conseguimos moitas cousas para os veciños e veciñas de Ordes tanto durante a nosa época no Grupo de Goberno como dende a oposición, dende onde asumimos unha actitude responsable que puido prexudicarnos electoralmente pero que calquera pode ver que foi positiva para a veciñanza de Ordes”. Neste sentido, Pedreira lembra que grazas ás xestións dos socialistas dende o Goberno de Ordes se puideron realizar obras tan importantes para Ordes como o paseo do Río Mercurín, a rolda leste, o parque do Paraíso ou a instalación de illas verdes nas parroquias, así como conseguir investimentos públicos por case oito millóns de euros.

Unha actitude proactiva que os socialistas mantiveron despois dende a oposición, onde conseguiron incrementar nun 20% o orzamento dedicado a servizos sociais, puxeron en marcha unha campaña de apoio ao comercio local e lograron axudas para a renovación tecnolóxica do sector téxtil de Ordes, entre outras iniciativas.

5 de xuño de 2015 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.