publicidade hoxe

Superado con nota o primeiro “Venres en Sansa!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Unha das actividades de Venres en Sansa!

Unha das actividades de Venres en Sansa!

O programa de lecer alternativo para a mocidade “Venres en Sansa!” pasou con éxito a súa xornada de estrea. Case medio cento de persoas -a maioría delas entre os 12 e os 35 anos- gozou de catro actividades tan dispares como a cociña, a orientación nocturna, un curso acelerado de video ou unha sesión de exercicio intenso. Pero a cousa non para aí, este venres volven os obradoiros cunha oferta que repite a cociña e que incorpora o cinema, o ciclismo e o kickboxing. Aínda hai prazas libres. As inscricións poden facerse ata o mércores ás 14.00h.

O arranque do primeiro “Venres en Sansa!” produciuse ás 21.00h. simultaneamente na Aula CeMIT e no ximnasio do CPI. Nun caso varios mozos e mozas asistiron a un obradoiro de vídeo impartido polo profesor Manolo González, quen lles deu unhas sinxelas nocións técnicas para enfrontar un pequeno proxecto audiovisual ideado por Carmen Suárez. O concepto é simple: gravar con móbiles ou cámaras pequenas entrevistas que despois se enlazarán como unha cadea na que cada persoa entrevistada achega as súas impresións sobre San Sadurniño. O obradoiro do venres foi o comezo dun proxecto que durará 15 días gravando, preferentemente, nos venres en que se desenvolve o programa e deixando a última xornada para a edición final.

O lugar para comezar a entrevistar foi precisamente o outro obradoiro que tiña lugar no ximnasio do CPI á mesma hora. Alí varias rapazas participaban nunha sesión a medio camiño entre o aeróbic e o baile. Estaba previsto que fose unha clase de zumba, pero un problema de última hora impediu impartila polo que Paula Varela -a técnica municipal de deportes- improvisou no momento unha alternativa que, ao cabo, foi tan intensa entretida coma a propia zumba.

Con estas dúas propostas completouse a primeira metade da noite. Cara ás 23.00h. comezou a segunda con outras dúas posibilidades simultáneas. Dunha banda organizouse unha clase de cociña para elaborar un completo menú con entrantes e sobremesa incluídos. Pratos gorentosos que estiveron listos para a 1 da mañá, momento no que finalizou tanto esta clase como a actividade de orientación nocturna para todas as idades que empezara á mesma hora na pista polideportiva do CPI. Esta última xuntou 15 persoas que o monitorado dividiu en dous grupos para competiren entre si. 

O reto era atopar no menor tempo posible varias balizas distribuídas polos arredores do centro urbano: no cemiterio, no adro do convento, nos xardíns municipais, no arboredo, polas beiras do Xubia, etc. A cousa parece doada se se coñece a zona, pero vólvese un chisco máis complicada ás escuras e cando só nos dan dous minutos para mirar o mapa de situación dos puntos aos que cómpre chegar. Os dous equipos aplicáronse a fondo e conseguiron completar o circuíto. Iso si, sen parar de moverse, botando moitas carreiras e dando algunha que outra volta ao revés ata dar con cada obxectivo.

Este venres, cine, kickboxing, ciclismo e cociña

O programa para a mocidade continúa este venres con catro actividades dirixidas á rapazada, aínda que dúas delas non contan con restrición de idade. Ás 21h. proxectarase o filme “Os Fenómenos”, un dos grandes triunfadores dos premios Mestre Mateo. Á sesión de cine na Casa da Cultura asistirá o seu director, Alfonso Zarauza, que contestará as preguntas que lle queiran facer as persoas asistentes. 

Á mesma hora desenvolverase no pavillón do colexio un obradoiro de Kickboxing e defensa persoal -15 prazas- e máis tarde, entre as 23.15 e a 1.00h., a oferta recolle unha ruta de ciclismo nocturno e, de novo, cociña con produtos locais.

Pódese obter máis información sobre este programa pasando pola Casa da Cultura, polo ximnasio ou pola Oficina de Orientación laboral. Tamén hai dous teléfonos: o 616 332 919 e o 981 490 027 (ext.2). Todos os obradoiros e actividades son gratuítos e precisan unha inscrición previa. Haberá que cubrir a solicitude dispoñible algo máis abaixo e entregala na Casa da Cultura o mércores como moi tarde. Quen queira pode apuntarse tamén para o “Venres en Sansa!” do día 19 -será o último-, no que teremos cociña, sendeirismo, bádminton e unha clase de adestramento canino para a que xa non hai prazas desde hai varios días.

8 de xuño de 2015 | 18:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.