SOS Sanidade Pública de Compostela rexeita o peche de 250 camas no CHUS
A plataforma Sanidade Pública de Compostela mostrou o seu rexeitamento ao “impresentable” peche de 250 camas no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) durante o verán “ditado pola xerencia”, “por orde da conselleira Rocío Mosquera”. Neste sentido, lembra que “o verán é unha época do ano exactamente igual que outra”, con pacientes crónicos e agudos, á vez que remarca que hai patoloxías derivadas da época estival.
Así mesmo, critica que a Consellería de Sanidade empregue para estes recortes o “eufemismo” de “adecuación do aforamento dispoñible de hospitalización”.
Así, mostra o seu “máis absoluto” rexeitamento a esta redución de camas e de “servizos”, e pregúntase “como é posible” que “coas listas de espera” existentes a xerencia “poida restrinxir o uso de quirófanos, departamentos, camas e servizos en xeral”.
Ademais, deixa claro que os profesionais teñen o seu dereito a gozar do seu descanso vacacional, pero a Xunta “ten que pór os medios para que se manteñan os servizos operativos”.











