Sorteo dos participantes na primeira quenda do campamento de verán municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Os campamentos municipais que organiza cada ano o Concello da Laracha no marco do programa de actividades de verán comezarán a desenvolverse o luns co inicio da primeira quenda, na que participarán cincuenta nenos de idades comprendidas entre os oito e os once anos.

Hoxe realizouse no Salón de Plenos do Concello o acto público do sorteo das prazas dispoñibles entre todas as solicitudes presentadas, quedando dez nenos en lista de espera.

Na próxima semana, do 29 de xullo ao 3 de xullo (de luns a venres) os rapaces convivirán con compañeiros do seu mesmo grupo de idade e realizarán divertidas actividades deportivas, culturais e educativas que se desenvolverán, a maioría delas, na vila de Caión, tanto na praia como no paseo marítimo e en instalacións municipais. O programa inclúe deportes náuticos, aeróbic, xogos na praia, olimpiadas, obradoiros de reciclaxe e nutrición e tamén dúas saídas ao parque acuático de Cerceda e ao municipio de Abegondo para realizar unha xornada multiaventura. 

Cada día o autobús cos rapaces e monitores sairá da praza do Concello ás 10:00 horas e regresará en torno ás 18:00 horas. O Concello asume os custos do transporte, o xantar (que se realizará no centro sociocultural da Ínua) e todas as actividades que se leven a cabo no termo municipal da Laracha. 

Todos os anos o Concello aposta por celebrar estes campamentos de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo e cultural, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións de verán. 

Os datos de participación son a mostra evidente do éxito desta iniciativa municipal. Para a segunda dos campamentos, que se vai realizar na semana seguinte (do 6 ao 10 de xullo) e que vai dirixida a rapaces de doce a quince anos, aínda permanece aberto o prazo de inscrición. 

Os campamentos de Caión abren o programa de actividades de verán que organiza o Concello da Laracha. O prazo para anotarse continúa aberto nas outras disciplinas que se ofertan. Hai propostas para todos os públicos, aínda que especialmente dirixidas aos nenos, para case todos os días laborables dos meses de xullo e agosto.

25 de xuño de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.