Sométese a información pública o expediente de autorización dunha parada de autobús no novo hospital de Vigo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete a trámite de información pública o expediente de reestruturación e ampliación de tráficos no novo hospital de Vigo, en Beade, co fin de autorizar unha parada de autobús.
A empresa Viajes Melytour S.L., titular do contrato de xestión de servizos públicos de transporte de viaxeiros por estrada no treito Vigo-Gondomar-Fornelos (O Rosal), presentou o pasado 30 de abril unha solicitude de modificación da explotación autorizada no contrato que afectaba ao expediente de reestruturación das condicións de explotación en trámite e que tamén incluía unha nova parada no novo hospital de Vigo.
No mes de xuño, a Xunta recibiu a proposta de explotación definitiva para incorporar ao antedito expediente en trámite no que se incluía unha parada no novo hospital, situado nas proximidades do percorrido dos actuais servizos de transporte público regular que presta a citada empresa entre Vigo e Gondomar.
A normativa en vigor establece que a Administración autonómica valorará a conveniencia de modificar un servizo preexistente con motivo da entrada en funcionamento de centros sanitarios xeradores dunha demanda significativa de transporte. Neste sentido, o Goberno galego avanza na tramitación dunha nova parada que facilitará a mobilidade daqueles usuarios que se desprazan ata as novas instalacións hospitalarias.











