Sheila Patricia pecha a temporada de Domingos Musicais no Sexto
O ciclo Domingos Musicais no Sexto pecha a temporada este domingo cun concerto da cantautora asturiana Sheila Patricia, que traballa no seu primeiro disco, El camino de los sueños, despois de ser finalista no Certamen de Jóvenes Cantautores de Burgos e na pasada edición do concurso para cantautores Santiautor, en Santiago de Compostela.
O concerto comezará ás 19:30 horas no Sexto Edificio do Museo (a entrada é de balde ata completar o aforo). A cantautora asturiana estará acompañada polo pianista Gabriel Peso.
Cantautora asturiana con formación galega
Nacida en Asturias en 1988, Sheila Patricia é unha cantautora e intérprete cuxa vida transcorre no sur de Galicia.
A influencia da súa nai, escritora e músico, e do seu pai, músico cantautor, fixo que os seus primeiros pasos estivesen acompañados de numerosos encontros con artistas de diferentes disciplinas e nacionalidades, do tamaño de Rafael Amor, César López ou Pedro Luis Ferrer.
Recibe clases de solfexo, técnica vocal, canto moderno, así como de guitarra española. Completa a súa formación musical con estudos de frauta traveseira, recoñecidos pola Royal School of Music, de saxofón, música tradicional galega, gaita e canto tradicional; tamén se forma en danzas tradicionais.
Con 15 anos grava en Cuba as súas primeiras demos, Ámame e Distancia, e posteriormente participa na banda sonora para a película galego-cubana Sempre Habana.
Creadora do grupo afeccionado Bela Lúa, que fusiona o folk galego con música melódica, tamén participa en diferentes certames e festivais como solista. En Santiago de Compostela leva a cabo diferentes proxectos nos que integra música e danza, como bailarina, cantante e coreógrafa.
Despois de ser a voz solista do proxecto The magicmusic, no que interpreta estándares de jazz, bossa, fados e música internacional, participa no proxecto Compostela Actúa, dentro do Coro Moderno, baixo a dirección de Pablo García. En 2014 involúcrase no proxecto Meu amigo, que fusiona cantigas de Martín Códax con música moderna.
Desde 2013 ata a actualidade dedícase a difundir o seu traballo como cantautora pola xeografía española e latinoamericana (Madrid, Galicia, Portugal, Asturias, Bos Aires, Córdoba (Arxentina), La Habana). En 2014 foi finalista do certame para cantautores Santiautor, en Santiago de Compostela, e en 2015 no Certame de Jóvenes Cantautores de Burgos. Actualmente traballa na gravación do seu primeiro disco, que bautizará como El camino de los sueños e que verá a luz en 2015.











