Sergio Piñón e María Luísa López gañan a II Carreira Popular Concello de San Sadurniño

Gañadores da carreira
15 minutos e 39 segundos abondáronlle ao Sub 23 Sergio Piñón do Atletismo Narón para completar este domingo os 5 quilómetros de percorrido da II Carreira Popular Concello de San Sadurniño. Xa avanzara o xoves durante a presentación do encontro que contaba rebaixar sen problema os algo máis de 16 minutos do vencedor masculino do ano pasado. E fíxoo sen problema e sen aplicarse a fondo, posto que a enfrontou como un adestramento algo máis intenso do normal e como un xeito de axudar a promocionar este deporte. O outro nome da mañá foi o de María Luísa López, do Egovarros de Viveiro, que encabezou a categoría feminina absoluta ao rematar a carreira en 21 minutos e 50 seguntos.
Por destacar nomes o seu sería destacar os de todas as persoas participantes. Foron máis de 700 despois de que se ampliase un día máis o prazo de inscrición. Delas, 436 apuntáronse na carreira absoluta sobre un trazado de 5 km. e practicamente sen desniveis. Só se retiraron 5 e o resto completaron o circuíto nun tempo que foi dos 15.39 de Piñón aos 53.15 do último clasificado.
Porén, antes e despois da carreira máis numerosa houbo outras. Unha de 1.000 metros para nenos e nenas de entre 12 e 10 anos, outra de 400 para benxamíns, un percorrido de 220 para pitufos -6 e 7 anos- e, por último, unha de 70 metros para os nenos e nenas de entre 4 e 5 anos, que entrarían na categoría de biberóns. Ao ser dentro do arboreto de especies autóctonas e con grande afluencia de público entre pais, nais e familiares, quizais fosen estas probas as máis animadas.
Este ano a organización valou os camiños para ofrecer un circuíto o máis vistoso posible para as carreiras das categorías de base. O programa de saídas cumpriuse con grande precisión para evitar a acumulación de retrasos e garantir que a entrega de trofeos comezase ás 13.30h. E así foi. Todo sobre o previsto: non houbo incidencias, o tempo aguantou ata a hora de recollerse e as persoas participantes puideron gozar dunha mañá de festa ao redor do deporte.
O balance que se fai desde o Concello é “moi positivo”, tal e como sinalou o alcalde en funcións, Secundino García. El tamén participou na carreira -quedou de 351º- e ao remate mostrou a disposición municipal “para seguir apoiando a organización desta carreira que en tan só dúas edicións xa se converteu nun referente deportivo dentro e fóra da comarca.”











