Secundino García volve ser reelixido alcalde de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Secundino García na toma de posesión

Secundino García na toma de posesión

San Sadurniño celebrou este mediodía o pleno de constitución do Concello para os próximos catro anos. Secundino García foi reelixido alcalde nunha sesión marcada pola afluencia de público e polo talante conciliador das intervencións dos representantes dos tres grupos municipais. A única anécdota do pleno produciuse durante o reconto dos votos segredos de elección de alcalde, posto que García sumou os do seu grupo (7 en total), e un a maiores, pertencente ao edil dos socialistas. Unha circunstancia que “descolocou” ao presidente da mesa de idade, o edil nacionalista Manolo Varela, a quen non lle cadraban as contas, sen dúbida froito dos nervios que declarou sentir xusto ao comezo do pleno.

Deste xeito, Secundino García convértese en alcalde por terceiro mandato consecutivo e faino co apoio do BNG e do PSdeG, mentres que o PP votou en favor do seu candidato, Manuel Romero Castrillón. A sesión foi rápida. Comezou constituíndo a mesa de idade, formada por Manolo Varela e pola concelleira popular Silvia Fernández. Eles dous foron os encargados de tomarlles xuramento ou promesa ao resto de compañeiros e compañeiras. O BNG elixiu a fórmula “por imperativo legal prometo e comprométome a defender os intereses xerais do Concello de Sadurniño e do Pobo Galego”, mentres que por parte do PP e do PSdeG se elixiu a do “si prometo”.

O segundo punto da orde do día foi a elección de alcalde -ou alcaldesa-, que como é tradición en San Sadurniño se fixo mediante votación segreda. Antes diso García, Romero e Doval ratificaron que mantiñan a súa candidatura, o que faría supor unha votación na que os tres grupos votasen por si. Pero non foi así á hora de recontar as papeletas, que deron como resultado un voto de máis para o candidato do BNG. No primeiro momento Manolo Varela contou e volveu contar para asegurarse de que Secundino García tiña 8 apoios e non 7 como cabería esperar. Foron só uns segundos de incerteza -que non facía variar o resultado- e que meteron nun pequeno apreto ao presidente da mesa de idade, que tardou un chisco en decatarse de que a votación era correcta, que non había máis de once votos e que o ocorrido foi que alguén que non era do bloque -o concelleiro socialista- votara tamén por Secundino malia abondarlle só co apoio do seu grupo para converterse en alcalde.

Deste xeito disolveuse a mesa de idade e García ocupou o seu cargo como alcalde, que prometeu de novo coa mesma fórmula empregada na toma de posesión como concelleiro. Manolo Varela bromeu no intercambio de posicións arredor da mesa encabezada por el ata o momento:”non dispoño de bastón de mando, que xa cho deu o 24 de maio o pobo de San Sadurniño”.

Antes de intervir, Secundino García ofreceulle unha quenda de palabra aos voceiros da oposición. Eduardo Lourido foi o primeiro para recalcar que “como somos un pobo pequeno temos que evitar conflitos e ter unha boa vecindade, independentemente das cores políticas”, engadindo que “con ese ánimo temos que traballar todos e mirar polo ben común do pobo, que é o máis importante”.

Pola súa banda, o portavoz do PP, Manuel Romero Castrillón, iniciou a súa quenda felicitando ao BNG polos resultados electorais e desexándolle sorte para dirixir o Concello nos próximos anos. Romero asegurou que tanto el como o seu grupo están “para sumar en todo o que sexa bo para o Concello. Tivemos 602 votos e temos que facer unha oposición construtiva por eles e polos que votaron por outra opción”. Romero engadiu neste sentido que “a mellor forma de axudar é facendo unha oposición forte” e brindou a súa colaboración “co alcalde e co seu equipo de goberno en todo o que precisen”. Con todo, tamén anunciou a súa intención de “denunciar as cousas que vexamos incorrectas ou irregulares”, pedindo ademais “a máxima transparencia” antes de volver desexarlle “moita sorte” ao futuro equipo de goberno.

Secundino García pechou o pleno cun breve discurso que foi a un tempo unha petición de “responsabilidade e lealdade á institución” dirixida aos concelleiros e concelleiras de todos os grupos. “A xente non quere que os seus representantes se leen nin tampouco que se “dean caña” polo mero feito de desgastarse uns aos outros, como alguén suxeriu hai algúns días neste mesmo lugar. Máis que iso, a sociedade esíxenos que deamos a talla propoñendo ideas no marco dun debate san e necesario e que as levemos a cabo co maior consenso posible”, dixo García. “Se estamos aquí desde hoxe é para traballar por un territorio que ofreza oportunidades e benestar. Para sumar e construír, en definitiva, non para restar e destruír só por resentimento.”, sentenzou o reelixido alcalde.

O presidente da corporación recén constituída repasou as liñas estratéxicas do goberno para o próximo cuatrienio, que pasan por “abrir aínda máis” o Concello á cidadanía afondando nos mecanismos de participación e “mellorando ata onde sexa posible” a xestión administrativa; pola ordenación do territorio “cun planeamento con visión de futuro e co máximo consenso que defina o San Sadurniño dos próximos anos”; pola posta en valor do desenvolvemento sustentable e pola continuidade no “apoio ás familias, á igualdade e á educación reivindicándoos en San Sadurniño como servizos públicos e de calidade. “E todo isto”, dixo García, “baixo o paraugas da defensa da lingua, da cultura, do deporte, do noso patrimonio, do noso tecido asociativo e de todo aquilo que nos identifica como pobo… como persoas de San Sadurniño”.

O rexedor finalizou o seu discurso de investidura dirixíndose ao público que ateigaba o salón de sesións para solicitarlle “que nos sigades orientando, axudándonos coas vosas ideas e tirándonos das orellas cando consideredes que estamos equivocados. De fronte, coa naturalidade e a normalidade democrática que conquistou San Sadurniño nos últimos anos. Déstesnos a vosa confianza e temos a obriga de facer todo o que está nas nosas mans para non defraudarvos”.

22 minutos despois de comezar rematou a sesión de constitución. E fíxoo entre aplausos, nun tono cordial e coa música de fondo dun cuarteto de gaitas que agardaba no patio da casa consistorial para vestir de certa solemnidade un acto co que arranca o novo mandato corporativo. 

No prazo máximo dun mes celebrarase o pleno de organización municipal en que se distribuirán as novas áreas que o BNG xa ten definidas trala súa última asemblea local. Áreas con novos nomes e tamén con nova estrutura. Así, Sabela Íñiguez ocuparase de Cultura, Deportes, Educación e Xuventude, este último de nova creación. Manolo Varela será titular de Desenvolvemento local, Participación veciñal e Rexime Interno. Ana Belén Breijo continuará á fronte de Igualdade. Amparo Calvo asume, ademais de Servizos, a carteira de Medio Ambiente. Suso Soto tamén seguirá en Facenda e farase cargo de Servizos Sociais. Por último, Manolo Beceiro -outra das caras novas do goberno- xestionará os departamentos de Obras e de Ordenamento territorial. 

13 de xuño de 2015 | 15:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.