Satisfacción e orgullo do Concello de Bueu pola presentación da Liga Galega de Traiñeiras

Presentación do evento deportivo
“Estamos satisfeitos porque o Concello de Bueu sexa o anfitrión da Liga Galega de Traiñeiras, xa que desde o primeiro momento mostramos interese na organización desta proba que reverte no turismo e na hostalaría da nosa vila”. Con estas palabras abría Félix Juncal a rolda de prensa de hoxe na que se presentou o acto que terá lugar mañá sábado, cunha parte deportiva e outra oficial. Juncal, que estivo acompañado da concelleira de Economía Silvia Carballo e de Florentino Resille, membro da presidencia do Club do Mar de Bueu. Juncal tivo boas palabras para este deporte, que constitúe unha das formas de ser do municipio e que renaceu coa volta do Club do Mar de Bueu o ano pasado, ao que lle desexou “grandes éxitos”. Os tres poñentes destacaron a influencia positiva que este deporte achega a outras actividades da nosa vila, ao atraer a unha gran cantidade de afeccionados e familiares dos participantes. Juncal lembrou unha vez máis o compromiso do goberno co deporte, e na “marca Bueu” que se pretende afianzar na próxima lexislatura.
Así, mañá a partir das 15.30 comezarán as competicións na praia da Banda do Río de cuxa apertura se encargarán os clubs veteráns, para a continuación dar paso aos quince clubes na liga A e B e catro na liga feminina. Despois das regatas, aproximadamente ás 19 horas será a entrega de premios, pasando logo a un acto oficial na praza do Concello na que estarán, entre outros, o alcalde da vila, Félix Juncal, e o Secretario Xeral de Deporte, José Ramón Lete Lasa.
Neste acto de presentación, o Concello investiu un total de 6.000 euros que sufragarán os gastos da organización. Ademais, tamén se aproveitou para anunciar a celebración o 16 de agosto da Bandeira do Concello de Bueu de Traiñeiras.











