Sanidade Animal inicia esta fin de semana o control das pombas da Ferraría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O concelleiro de Sanidade Animal, Miguel Filgueira fixo balance esta mañá da xestión realizada pola súa concellería neste último ano. O control das poboacións de gaivotas e pombas, o plan de esterilización das camadas de gatos e tamén o programa de chipeado de cans.

O concelleiro explicou que cada vez existe máis interese por parte dos residentes no centro urbano no control de gaivotas. De feito, o número de visitas previstas para esta campaña xa está cuberto. A día de hoxe, a empresa especializada contratada para realizar o traballo de limpeza de niños dos tellados da cidade visitou 55 vivendas e achegouse a uns 100 tellados. Sacáronse 90 niños e se retiraron 220 ovos.

Agora éntrase na segunda fase da campaña, cando xa non se poden sacar os ovos porque están eclosionándose, polo que se retirarán polos. De feito, hai algunhas gaivotas que volveron a facer os niños, logo de ser retirados -esta é algo habitual no caso das gaivotas durante o período de aniñamento-. Estes polos serán retirados seguindo a supervisión da Consellería de Medio Ambiente.

Retirada de pombas

Outra parte da campaña é a retirada de pombas, especialmente, da praza da Ferraría e tamén da praza de España, onde se atopan as comunidades máis numerosas.

O principal foco de aniñamento das pombas da praza da Ferraría son dous inmobles situados na traseira da praza que están pechados e deshabitados. Debido a que teñen varias ventás sen cristais, aproveitan o edificio para aniñar alí.

Logo de obter a autorización dos propietarios dos edificios, esta fin de semana os expertos intervirán na colonia de pombas da Ferraría e tamén da praza de España, que proceden da praza da Ferraría e tamén dos tellados do instituto do Valle-Inclán.

Colonias de gatos

Sobre o plan de control e esterilización da colonia de gatos, Miguel Filgueira explicou que esta é a terceira edición desta campaña que leva arredor de 180 gatos esterelizados, dos cales 55 foron no que vai de ano (35 femias e 20 machos).

11 de xuño de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.