publicidade hoxe

San Sadurniño recibe 123 comunicacións para as fogueiras do San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O rexistro municipal recolleu nos últimos días un total de 123 comunicacións previas para as tradicionais “saltas” do San Xoán. Moitas delas son para hoxe, porén hai quen adiou a celebración para o sábado co obxectivo de facela cadrar coa fin de semana. É o caso, por exemplo, da confraría do San Pipote en Bardaos ou da asociación de veciños Xuntanza de Lamas, que hoxe mesmo pecha o prazo para apuntarse á sardiñada á que xa non lle chaman “do San Xoán” senón de “San Pedro” pola proximidade do día e porque nesta zona tamén houbo tradición de facer fogueiras na honra dese apóstolo.

Sobre as orixes de facer cacharelas, fogueiras ou “saltas” nestas datas hai moitas teorías e todo apunta a que se trata da cristianización de ritos anteriores cos que se lle daba a benvida ao verán. Ao respecto das datas cristiás hai algunha curiosidade, como que María e Sabela/Isabel -nai de Xoán o Bautista- eran curmás e que este era exactamente 6 meses máis vello que Xesús. Polas contas dos Evanxeos, Sabela estaba xa encinta de 6 meses cando a María lle anunciaron o seu propio estado. De aí que o San Xoán sexa o 24 de xuño e a Noiteboa o 24 de decembro.

Deixando a un lado as curiosidades, o certo é que estamos ás portas dunha das noites máis festeiras do ano e quizais -xunto co Entroido- a que mellor soporta o varrido do tempo sobre a tradición. Aínda que a asociación de veciños non faga fogueira, esta noite en case todas as casas haberá algún lume, por pequeno que sexa, e mañá amencerán floreadas fiestras e portas como liturxia pagá contra males de ollo e atraente da boa sorte.

Sexan grandes ou pequenas, as fogueiras foron e sempre serán de lume. E é sabido que tempo seco e lume non son boa compañía. Por iso desde hai anos é necesario avisar á Xunta de onde se vai celebrar o San Xoán adquirindo, ademais, o compromiso de velar porque non haxa ningún descoido que poida provocar un incendio. As comunicacións poden facerse a través dos concellos e, no caso de San Sadurniño, ata o mediodía de hoxe levábanse recollidas no rexistro un total de 123. A maior parte delas son xuntanzas domésticas ou entre veciños e veciñas de determinados lugares. 

Pero hainas tamén ao grande e tamén as que cambian o día para que cadre en fin de semana. Temos constancia de que en Lamas a asociación de veciños organizou unha sardiñada para o sábado no local social. Alí celebran o San Pedro e arrancarán ás 21 horas con prezos de 10 euros para persoas socias, 12 para non socias e menores de 10 anos gratis. Ademais das sardiñas servirán liscos, chourizos, patacas cocidas e café. Hoxe remata o prazo para apuntarse chamando aos teléfonos 620 550 236 e 659 538 198. 

Ese mesmo día -no que tamén hai o San Paio en Ferreira de Abaixo-, Bardaos e Igrexafeita farán o propio. En Igrexafeita trátase dunha cita só para socios e socias, mentres que en Bardaos o encontro está aberto a persoas de dentro e de fóra da entidade. A partir das 21.30h. ofrecerán comida, bebida “e algunha que outra sorpresa” por 5 euros para persoas socias e por 10 para non socias.

23 de xuño de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.