publicidade hoxe

San Sadurniño prepárase para unha noite intensa e distinta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

45 persoas, a maioría delas entre os 12 e 35 anos, inscribíronse para as actividades do primeiro “Venres en Sansa!” desta noite. Un obradoiro de vídeo, outro de cociña, clases de zumba e unha proba de orientación nocturna compoñen a oferta coa que San Sadurniño estrea o seu programa de lecer alternativo dirixido á mocidade.

As propostas arrancan ás 21.00h. con dúas posibilidades simultáneas. Unha delas é un obradoiro de video con móbiles e cámaras impartido na Aula CeMIT por Carmen Suárez e Manolo González no que se fará unha pequena introdución á linguaxe audiovisual básica para que, inmediatamente despois, as persoas participantes poidan poñerse ao lío de produciren ata as 23.00h. as súas propias pezas. 

Por outra banda no pavillón do CPI, SEDEGA preparou unha clase de zumba na que participarán 14 mozos e mozas. Trátase dunha disciplina a medio camiño entre o baile e o exercicio físico con grande aceptación entre a xente nova -e non tan nova- por ser un xeito ben entretido de queimar calorías.

A segunda parte da noite, entre as 23.00h. e a 1 da mañá, estará ocupada por dúas propostas tan distintas como a orientación e a cociña. A empresa local Oitomil Ocio e Aventura encargarase de dar unhas nocións sobre o uso de mapas e técnicas de orientación coas que despois será necesario facer un percorrido por varios puntos da zona urbana na procura de balizas –checkpoints– polos que deberán pasar obrigatoriamente as persoas participantes. Aínda que as inscricións -13 en total- se fixeron de xeito individual o máis seguro é que a guía da actividade organice pequenos equipos para que a experiencia preste máis. E é que nunha actividade deste tipo vale moito saber onde nos atopamos pero tamén saber cooperar para completar o circuíto proposto. O punto de partida é a pista polideportiva que hai ao pé do ximnasio. Aconséllase que as persoas inscritas traian linterna e roupa axeitada, especialmente calzado que protexa os nocellos, xa que na escuridade non pisar no firme pode ser unha faena.

No tocante á cociña non fai falla nin experiencia nin equipamento especial, só un mandil. O obradoiro desenvolverase no patio cuberto do colexio á mesma hora que a orientación. Hai 11 mozos e mozas apuntadas que aprenderán a preparar sinxelos pratos e sobremesas utilizando como materia prima produtos locais.

Próximos venres

“Venres en Sansa!” é un proxecto piloto que, de funcionar como se agarda, podería converterse nunha proposta estable para a mocidade ao longo do ano. As próximas citas son o venres 12 cos mesmos horarios e novas actividades: a proxección da película “Os Fenómenos” -triunfadora nos Mestre Mateo deste ano- coa presenza do seu director, Alfonso Zarauza; un obradoiro de kickboxing e defensa persoal; unha ruta ciclista nocturna e, por último, repetimos cociña. 

O venres 19, derradeiro “Venres en Sansa!”, ofrecerá unha sesión de adestramento canino para a que xa se ocuparon as 10 prazas dispoñibles -a xente buleu a apuntarse-, outra de bádminton, o terceiro obradoiro de cociña e, quizais a máis numerosa, unha saída de sendeirismo nocturno para a que hai dispoñibles 40 prazas sen restricións de idade, igual que na ruta ciclista e no cine do venres anterior.

As inscricións hai que facelas na Casa da Cultura, como moi tarde, o mércores anterior a cada “Venres en Sansa!”. Cómpre revisar a programación para ver cales son as actividades que máis nos interesen, cales son ás mesmas horas e que material precisamos para participar nelas.

5 de xuño de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.