publicidade hoxe

San Sadurniño intégrase nun proxecto europeo para mellorar a empregabilidade dos xóvenes que nin estudan nin traballan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

“Enhancing Competences to Meet Young,s NEETs Needs” é o título xeral dunha iniciativa na que están implicadas institucións e entidades privadas de Italia, Grecia, Romanía, Polonia e, polo estado español, de San Sadurniño. Trátase dun proxecto europeo financiado ao abeiro do programa Erasmus+ que persegue investigar en cada un dos territorios implicados a realidade da xuventude que nin estuda nin traballa para despois deseñar e probar modelos de atención e integración no mercado laboral trasladables ao resto da Unión Europea. A iniciativa, impulsada polo municipio italiano de San Giovanni Teatino, conta cun orzamento total de 296.000 euros e desenvolverase durante os próximos dous anos. Ao longo desta semana, persoal técnico de cada país participante reúnese nesta vila italiana na que é a primeira xuntanza para coordinar o programa de actuacións tras varios meses de preparativos.

Por parte de San Sadurniño acudiron ao encontro de traballo o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, e a técnica de Orientación laboral, Margarida Leirachá, que se encargarán de levar a cabo no noso concello as actividades previstas no ECMYNN en colaboración con outros departamentos municipais. Esta é a principal razón de que as oficinas de ambos servizos estean pechadas ata o próximo luns.

O proxecto, financiado integramente con fondos europeos, ten varias fases. A primeira é a de investigación e estudo da situación sociolaboral da mocidade en cada un dos territorios participantes, tomando como referenza grupos con idades comprendidas entre os 18 e os 24 anos, con escasa ou nula formación e en situación de desemprego. 

Trala análise da realidade proporanse novas ferramentas e novos métodos formativos e de integración que se deberán poñer a proba para ver cales son os que poden dar mellor resultado. Os máis efectivos xuntaranse nunha de guía de boas prácticas á que se lle dará a máxima difusión en toda a Unión por medio de encontros e campañas de presentación dos resultados a partir de setembro de 2016. 

O obxectivo principal do ECMYNN, como indica o propio nome, é mellorar as competencias das persoas e institucións que traballan coa mocidade de cara a coñecer cales son as necesidades obxectivas da xuventude que nin estuda nin traballa, a máis prexudicada en contextos de crise. Por outra banda tamén se pretende crear, promover e desenvolver un novo modelo de acompañamento formativo, de asesoramento profesional e de apoio persoal coas miras postas na prevención de novos casos e na resposta urxente aos xa existentes.

En España estímase que hai arredor de 685.300 mozos e mozas que entrarían na definición de NEET -acrónimo inglés de Not in Education, Employment or Training-, xuntando nesa cifra a quen non traballa nin se forma, a quen busca traballo e non o atopa e a quen non fai por buscalo. En Galicia a cifra -segundo datos da EPA a mes de abril- ascendería a 29.300 persoas, das que só arredor de 993 se inscribiran no programa de Garantía Xuvenil. Un plan xestionado pola Xunta e impulsado tamén pola UE que ofrece a garantía de acceder a uha oferta de emprego ou de formación para menores de 25 anos (ou 30 no caso de ter algunha discapacidade).

“Sansa xove: O novo rural”

As actuacións en materia de mellora da empregabilidade xuvenil non se limitan unicamente ao programa ECMYNN. De feito, San Sadurniño preparou outro proxecto -aínda que relacionado- que opta ás liñas de subvención convocadas pola Federación Española de Municipios e Provincias e polo INJUVE. 

Denomínase “Sansa xove: O novo rural” e ten como obxectivos a concienciación da mocidade sobre as oportunidades laborais que ofrece o medio rural, contribuír ao asentamento da xente nova no territorio, mellorar o coñecemento e as habilidades deste ámbito da poboación para adaptárense ao mercado laboral, o fomento do uso das TIC como ferramenta de aprendizaxe para o traballo e, por último, prestarlles servizos de orientación laboral e asesoramento para o emprendemento. 

Obxectivos todos eles que se trasladarán á realidade mediante unha acción formativa de 4 meses de duración centrada na agricultura ecolóxica. Serán 180 horas distribuídas do seguinte xeito: 5 de prevención de riscos laborais na agricultura, 15 de módulos transversais -busca de emprego, emprendemento e igualdade-, 20 de comercialización e venda electrónica, 20 referidas a transformación e valor engadido e, o groso do programa, 100 horas sobre agricultura ecolóxica, 10 sobre apicultura e 10 referidas a fructicultura, tamén en ecolóxico. 

Ofertaranse 15 prazas e dirixidas a mozos e mozas de entre 16 e 30 anos. A prioridade de acceso establecerase atendendo a perfís con baixa ou nula cualificación, persoas demandantes do primeiro emprego e pola antigüidade como demandantes, dándolle prioridade no caso de empate ás mulleres.

Cómpre sinalar que polo momento non se abriu o prazo de solicitude para participar nesta acción formativa. As datas de inscrición e de inicio do curso publicaranse na web e nos tablóns de anuncios do Concello con tempo de adianto suficiente.

30 de xuño de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.