publicidade hoxe

San Sadurniño convoca un pleno extraordinario no que se aprobará a adxudicación das obras do campo de fútbol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Finalmente foron 13 empresas as que concorreron ao proceso de contratación das obras de implantación de céspede artificial no campo de Currás. Un proceso que excede as competencias da xunta de goberno local pola súa contía -342.000 euros de saída- e que, polo tanto, debe pasar obrigatoriamente polo pleno. Por iso se convocou para esta tarde a partir das 19.30h. unha sesión extraordinaria que levará como punto central da orde do día a adxudicación dos traballos segundo a proposta da mesa de contratación.

Tras asignar as puntuacións por prezo e por características técnicas, o Concello adxudicaralle o traballo á empresa Jardinería Arce, S.L. por un importe de 323.213,19 euros, ive incluído. A intención municipal é que as obras poidan comezar o antes posible dado que fai falla ter o campo listo para o mes de setembro cadrando co comezo da nova temporada futbolística.

A grandes trazos, a remodelación do campo de fútbol municipal consistirá na sustitución de 5.000 metros cadrados de céspede natural por un manto sintético, ademais de acondicionar o perímetro do terreo de xogo e de dotalo de novas porteirías. As obras finánzanse ao cento por cento con fondos procedentes da Deputación da Coruña e con elas búscase abaratar custes de mantemento e dispor dunhas instalacións que solucionen os problemas de uso durante o inverno.

Ademais deste punto principal, o pleno tamén abordará a aprobación do modelo de documento de declaración de bens e intereses dos membros da corporación cos que se creará o rexistro correspondente. O novo Concello constituirase o sábado 13 pola mañá. Antes daquela aínda se celebrará unha sesión plenaria extraordinaria para aprobar a derradeira acta do mandato que pecha.

4 de xuño de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.