publicidade hoxe

San Sadurniño convoca un concurso entre as familias usuarias para poñerlle nome á Escola Infantil Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Ten instalacións, nenos e nenas, mestras, equipamento… pero fáltalle algo: un nome. O Concello convocou un concurso entre as familias usuarias do centro educativo que persegue precisamente iso, bautizar a escola cun nome algo máis pegadizo que as simples siglas da EIM. Xa lles enviaron á casa as bases nas que se recollen as condicións e o prazo para presentar as propostas, que rematará o día 12. O premio será unha lámina do artista gráfico Juan Luís Fernández. E tamén a satisfacción de terlle posto nome á escola.

As bases indican que o nome constará dunha frase composta por Escola Infantil Municipal seguida de ata un máximo de tres palabras. Cada familia poderá participar cunha única proposta en galego que deberá presentarse en sobre pechado e baixo pseudónimo. Ademais de buscar unha denominación tamén se deberá explicar brevemente o seu significado. O concurso está aberto unicamente a aquelas familias con criaturas matriculadas no centro durante o curso 2014-2015.

O xurado estará composto por catro persoas: unha das técnicas do departamento de Servizos sociais e Igualdade, unha das responsables da empresa que xestiona o centro, un profesional do ámbito da comunicación e a publicidade e por un ilustrador e deseñador gráfico. Este último será Juan Luís Fernández Juanlu, autor da lámina que se lle entregará á familia autora do nome ganador. De feito este será o único premio que o xurado elixirá entre todas as propostas presentadas en base á súa orixinalidade e adecuación á finalidade do concurso. 

Se o xurado considera que ningunha idea reúne unha calidade suficiente o concurso podería quedar deserto, aínda que tamén cabe a posibilidade de que se elixa un nome e que despois se acorde coa persoa autora a variación da denominación final. O último día para presentar os nomes é o venres da semana que vén.

O fallo do concurso darase a coñecer o 26 de xuño, cadrando co acto de clausura do presente curso no que os nenos e nenas da unidade de 3 anos terán unha pequena festa de “graduación”.

 

1 de xuño de 2015 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.