Salomé Peña asegura que deixa o Concello de Ribadumia saneado

Rolda de prensa de Salomé Peña
A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, convocou hoxe unha roda de prensa con motivo da constitución da nova Corporación do Concello de Ribadumia que se celebrará mañá ás 12:00 da mañá. Peña quixo destacar sobre todo o bo estado no que deixa as contas do Concello de Ribadumia, tal e como demostra o informe de contas elaborado pola tesourería do Concello. O informe mantén que a día de hoxe, o Concello non mantén débeda con entidades bancarias nin con organismo algún e que están pagadas todas as facturas con Rexistro de Entrada ata o día 4 de xuño. Ó respecto Salomé Peña quixo destacar que “a boa xestión que levou a cabo o noso goberno co diñeiro público foi determinante para o crecemento do noso Concello nestes últimos anos”.
O informe de tesourería sinala que a día de hoxe, o Concello conta con un saldo de 1.007.170,42€ repartidos en diferentes entidades bancarias.
Sobre o crecemento que viviu o Concello Peña quixo destacar que “o Concello é o único da comarca onde crece a poboación infantil, superamos os 5.000 habitantes e todo isto é posible polos novos proxectos que levamos a cabo. Somos o único Concello da comarca onde crece o PIB e estamos moi orgullosos dos informes da tesourería”.
Respecto das obras que o goberno deixa sen rematar, Peña quixo destacar as seguintes:
– Proxecto de remodelación integral do ximnasio de Barrantes con un importe de 304.679€, que se atopa en fase de licitación. O goberno pretendía reformalo e poder utilizalo en horario extra escolar: novo comedor, Plan Madruga (etc.). Salomé Peña asegurou que “o novo goberno terá que proceder a adxudicalo”.
– Dotación dun edificio anexo ó pavillón de Ribadumia de servizos para os campos de fútbol por importe de 209.657€. A subvención está concedida e está pendente de adxudicar.
– A ampliación do patio de infantil do colexio con unha financiación de 41.650 € tamén pendente e que esperaban comezar neste verán.
– Un centro de Formación e Inserción de Ribadumia xa adxudicado e que en breves días comezarán a levalo a cabo e que será no local de mulleres rurais para levar a cabo todos os cursos de formación. A financiación da reforma é de 41.880€ e a subvención xa está aprobada.
– A 2ª fase da recuperación paisaxística do Umia e Armenteira, que pretende integrar novo mobiliario urbano, tamén pendente de adxudicar con importe de 38.733€.
– Pendentes de recibir un todoterreno para Protección Civil, xa concedido.
– A apertura da rúa Día en Barrantes, con presuposto de 50.000€ e pendente para o goberno entrante.
“Tamén deixamos un proxecto redactado de 400.000€ para facer unha reforma integral no Concello, algo que xa nos comprometemos e esperabamos levalo a cabo no seguinte goberno, pero espero que siga adiante para poder mellorar as fachadas, cambiar as portas, pintar as aulas e outras melloras”, engadiu.
Con todo iso, Salomé Peña chamou á “responsabilidade, compromiso, transparencia e moito traballo” ó novo goberno que será constituído no pleno de mañá e espera que “Ribadumia continúe crecendo coma nestes últimos anos e continúen as contas saneadas coma as deixamos”.
“Todo apunta a un goberno tripartito e iso significará un mercadeo de competencias, pero de todas formas espero que fagan unha xestión eficaz coma fixemos nós nos últimos anos”, sinalou Peña.
Pola súa parte, Martín Serantes, asegurou que a pesar que este ano xa non se presentaba á candidatura “voume moi orgulloso de todo o que fixo este goberno e satisfeito co traballo ben feito levado a cabo por este equipo de goberno”.











