Sae a licitación a dinamización da plataforma “Ponteacomprar” de comercio virtual
A Deputación de Pontevedra saca a licitación a contratación, mediante o procedemento aberto, da xestión e coordinación dos centros provinciais de asesoramento empresarial 2.0 e a dinamización do centro de comercio virtual da provincia. Segundo se establece no expediente de contratación aprobado na Xunta de Goberno do 29 de maio, a duración do contrato será de un mínimo de tres meses e terá un orzamento de 200.000 euros.
Despois da publicación deste anuncio no BOPPO, establécese un prazo de 15 días naturais, contados desde o seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, para que as empresas interesadas presenten as súas propostas.
O obxecto desta contratación é continuar coa modernización da rede empresarial da provincia, en especial a dos máis de 64.000 autónomos e pemes. Desde a posta en marcha dos centros CPAE 2.0 máis de 2.500 empresas (75 % pemes e 25 % autónomos) requiriron o seu asesoramento.
Así mesmo, a Deputación de Pontevedra dá un paso máis na promoción e modernización do tecido produtivo da provincia coa posta en marcha, nas vindeiras semanas, do centro de comercio virtual “Ponteacomprar”. Esta plataforma permitirá comercializar en liña os produtos propios da provincia de Pontevedra, con especial atención a sectores estratéxicos coma alimentación, restauración, turismo, lecer, hostalería e cultura.
Das máis de 400 empresas que solicitaron adherirse a “Ponteacomprar”, 193 xa participaran nunha primeira fase da posta en marcha desta plataforma. Na actualidade o centro de comercio electrónico conta con datos de 55 compañías e con máis de 7.900 fotografías de 1.900 produtos e servizos.











