Sabores de Galicia despídese en Barcelona tras percorrer 12.000 quilómetros

Sabores de Galicia en Barcelona
“Sabores de Galicia” dá nome ao road show co que os consellos reguladores da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, a Denominación de Orixe Ribeira Sacra e a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega presentaron as características e calidades do queixo, do viño e da carne de vacún que amparan, en corenta cidades de toda España. A campaña finalizou onte nun acto especial de clausura celebrado no Hotel Tryp Barcelona Apolo, da cidade condal, que contou coa presenza de José Manuel Rodríguez e Ruth Fernández, presidente e técnica do consello regulador DO Ribeira Sacra; Xosé Luis Carrera e Óscar Pérez, presidente e secretario de CRDOP Arzúa- Ulloa; e Luis Vázquez, director de Promoción da IXP Ternera Gallega.
Os representantes dos consellos reguladores coincidiron en destacar que esta acción conxunta posibilitou a promoción de produtos galegos de calidade entre o público especializado e profesional, e tamén entre os consumidores finais.
A difusión dos produtos da campaña foi posible grazas á adaptación dun camión expositor de amplas dimensións que, funcionando como unha caseta móbil, albergou sesións técnicas específicas sobre a carne, o viño e o queixo certificados e degustacións con cociña en directo.
Once semanas de road show: de Córdoba a Oviedo
A campaña “Sabores de Galicia” tivo unha gran acollida por parte de escolas de hostalaría, asociacións de consumidores e profesionais relacionados coa canle horeca, distribución e sector comercial do comercio polo miúdo da alimentación das diferentes cidades de Andalucía, Levante, Cataluña, e o centro e norte peninsular nas que recalou entre o 7 de abril e o 18 de xuño.
A acción promocional, que se presentou oficialmente en Santiago de Compostela o pasado 1 de abril, arrincou en Córdoba e continuou durante tres semanas por Andalucía, con especial acollida en Huelva, Cádiz, Málaga, Granada e Almería. En Murcia e a Comunidade Valenciana, a participación tamén foi elevada. Na quinta semana de promoción, rozando o ecuador do road show, “Sabores de Galicia” visitou diferentes puntos da xeografía catalá como Sabadell, Terrasa e Lleida, e cruzou a fronteira para presentar os seus produtos en Andorra la Vella.
O mes de maio rematou cunhas xornadas excepcionais na Comunidade de Madrid, con especial acollida en Alcalá de Henares. Xa en Madrid, e enfilando a recta final da promoción, celebrouse no Bernabeu un acto especial ao que acudiron destacados membros da comunidade galega na capital de España, como o delegado da Xunta en Madrid e director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega; o presidente da Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (AEGAMA), Xullo Lage; ou o membro da Enxebre Orde da Vieira, Carlos de Blas Armada.
Bo sabor de boca como broche final
Salamanca, Valladolid, Burgos e Logroño foron as seguintes cidades nas que se presentaron os produtos da campaña ata acadar o norte peninsular, ao que se dedicaron as dúas últimas semanas da promoción. O pasado 18 de xuño, “Sabores de Galicia2, poñía fin ao seu road show en Oviedo, tras visitar Vitoria, San Sebastián e Bilbao, no País Vasco; Santander, en Cantabria; e Xixón tamén en Asturias, onde a participación tanto de profesionais do sector como de consumidores foi especialmente elevada. Onte, en Barcelona, clausurouse oficialmente a campaña nun acto especial, no que profesionais do sector e amigos e coñecidos da contorna do tres consellos reguladores puideron degustar os produtos presentados en toda España durante o últimos tres meses.
Queixo, viño e carne de vacún: alimentos embaixadores da ‘marca Galicia’
A iniciativa conxunta “Sabores de Galicia” nace da colaboración entre os consellos reguladores do IXP Ternera Gallega, DOP Arzúa-Ulloa e DO Ribeira Sacra, a fin de trasladarlle á poboación española os principios de calidade, trazabilidade e binomio tradición-innovación tan asentados e prestixiados en Galicia. Valores que representan un modelo produtivo baseado na riqueza natural das materias primas propias da nosa Comunidade, tractor económico para o rural galego e atributos da marca propia dentro e fóra de Galicia.
A DOP Arzúa-Ulloa ampara o tradicional queixo galego de forma cilíndrica, lenticular, elaborado con leite cru ou pasteurizado de vaca. O seu ámbito de produción inclúe un total de 32 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na actualidade, a denominación integra un total de 1.042 gandeiros e 21 queixerías, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de euros. Foi o primeiro dos queixos galegos en obter un recoñecemento oficial como “Produto Galego de Calidade” xa no ano 1989, e é o queixo con DOP máis consumido en Galicia e o segundo en España.
Con case 20 anos de historia, a D.O Ribeira Sacra ampara a preto dun centenar de adegas e 200 marcas comerciais de viño, producidas en 2.500 hectáreas que se distribúen ao longo de 20 concellos das provincias de Lugo e de Ourense. Cunha produción conxunta de máis de 4,5 millóns de quilos, as adegas da D.O Ribeira Sacra achegan vangarda a unha tradición milenaria na colleita e elaboración dos seus viños, que hoxe en día gozan dun gran prestixio e recoñecemento no campo nacional e internacional.
O IXP Ternera Gallega ampara e protexe a carne fresca de vacún procedente dos animais nacidos, criados e sacrificados en Galicia. Na actualidade acolle un total de 7.670 produtores e 82 industrias, que están a comercializar unhas 18.633 toneladas de carne de calidade. O valor económico está ao redor dos 108 millóns de euros, o que a converte no IXP da súa rama máis importante da Unión Europea. Considerando a idade, o manexo e a alimentación do animal, distínguense dúas categorías principais: Ternera Gallega e Ternera Gallega Suprema.











