publicidade hoxe

Roza e limpeza nos accesos á zona rural do Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A área de Medio Ambiente que dirixe a edil Érika Paz, en colaboración coa área de Obras que dirixe Francisco Fumega, está a levar a cabo os traballos de roza e limpeza dos accesos á zona rural, un compromiso que anunciou o actual grupo de goberno municipal, entendendo que non se pode atender só ao centro urbano, xa que O Carballiño é todo, rural e vila”. Estes traballos estaban a ser demandados con insistencia polos veciños das distintas parroquias carballiñesas, e foi o primeiro proxecto que abordaron desde a nova área de Medio Ambiente.

Nestes días están a realizarse os traballos de roza e limpeza nas zonas de Señorín, Mesego, Seoane, Lobás, A Piteira, así como no barrio da Uciera. Segundo sinalaba a propia edil Érika Paz “este é o primeiro paso dentro do proxecto global de limpar e manter en bo estado os accesos na zona rural. Pretendemos chegar a todos os puntos do municipio, aínda que estamos a priorizar nestes momentos eses núcleos e parroquia que durante estas semanas celebran as súas festas, para que poidan ofrecer o mellor estado”.

Dentro deste traballo de limpeza e roza o actual grupo de goberno non se esquece do Parque Municipal, onde están a actuar para ofrecer a mellor cara desta zona verde carballiñesa tan visitada durante esta época do ano. Sen desatender ás zonas axardinadas da propia vila, onde, nalgunhas delas, está a proxectarse unha acción de recuperación das mesmas, para que ofrezan todo o seu esplendor.

Doutra banda, e xa dentro do centro urbano, está a procederse á mellora do servizo de limpeza das rúas, usando nova maquinaria, e co baldeo periódico das rúas coa colaboración de Protección Civil, que permite refrescar as rúas á vez que se executa unha limpeza intensa das mesmas. Tal e como apuntaba a edil Érika Paz “este traballo está a empezarse xa a notar, aínda que somos conscientes, e deben selo tamén os veciños, que aos poucos se notará máis o resultado do mesmo nas nosas rúas”.

Por último iniciáronse tamén os traballos de rebacheo en distintas zonas do municipio carballiñés, en concreto xa se executou en Seoane, e nestes días procédese ao rebacheo na Piteira e a Madanela.

Tanto o alcalde como a edil de Medio Ambiente aseguraban que se están usando os recursos municipais para cumprir con estas prioridades, necesarias e moi demandadas polos veciños, sobre todo do rural carballiñés.

30 de xuño de 2015 | 13:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.