Ribadumia clausura o obradoiro de bebidas saudables

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia e o Servizo Preventivo Asistencial de Drogodependencias de Vilagarcía (SPAD) clausuraron esta mañá a XI edición do Obradoiro de Bebidas Saudables no colexio Julia Becerra Malvar. A concelleira Sonia Garanger, unha representante do SPAD, a traballadora social e o educador familiar do Concello entregaron esta mañá un marcapáxinas, un diploma e un libro aportados polo Concello de Ribadumia a cada un dos 51 alumnos que participaron no obradoiro como premio aos carteis de prevención que elaboraron nesta edición.

O obradoiro ten por obxecto fomentar o consumo de bebidas saudables, ofrecendo unha alternativa ao consumo de bebidas alcohólicas e azucradas comerciais, así como incrementar a información que a mocidade ten sobre os efectos e as consecuencias derivadas do consumo abusivo do alcol e as crenzas erróneas que circulan entre a mocidade.

Os rapaces participaron en sesións teóricas, nas que lles advertiron sobre o abuso do alcol, e en sesións prácticas, a través das que elaboraron os seus propios zumes e cócteles sen alcol.

Antes de rematar o taller, os rapaces tiveron que elaborar por grupos varios carteis para previr e informar sobre os beneficios de non consumir alcol e sobre as consecuencias do seu abuso. O resultado foron dezasete carteis que xa están expostos no propio centro educativo e que serviron para ilustrar os marcapáxinas que se lles entregaron aos rapaces. 

Coa clausura deste obradoiro, consolídanse xa once edicións do Obradoiro de Bebidas Saudables  como consecuencia  do convenio que a Concellería de Servizos Sociais de Ribadumia asina anualmente co SPAD de Vilagarcía e no que se estipulan unha serie de actividades e programas ao longo do ano, tanto para pais como para os alumnos do J. Becerra Malvar en tema de prevención de drogodependencia. 

10 de xuño de 2015 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.