Representantes do Goberno de Angola descobren as estratexias de desenvolvemento rural galegas na súa visita a Agader

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Representantes do goberno de Angola en Agader. Foto: C. Paz

Representantes do goberno de Angola en Agader. Foto: C. Paz

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, recibiu esta mañá a representantes do Goberno de Angola que están de visita en Galicia para coñecer de primeira man o papel que xoga a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural e do Mar- na mellora da calidade de vida e na diversificación económica das entidades locais galegas, para adquirir experiencias que se poidan aplicar no seu territorio.

Esta delegación angoleña está formada por representantes do Fondo de Apoio Social (FAS) e por membros do Instituto Nacional de Formación da Administración Local (IFAL), integrados no Ministerio de Administración do Territorio de Angola.

Durante a visita coñeceron o funcionamento dos distintos departamentos de Agader, do Banco de Terras e a súa importancia para mobilizar a superficie agraria e para redimensionar as explotacións e loitar contra o abandono. Tamén comprobaron as actividades que se levan a cabo para a mellora da calidade de vida no rural e puideron coñecer as actuacións para dotar a zonas illadas de Galicia de internet vía satélite e as actuacións para a mellora das infraestruturas viarias do rural, entre outras cuestións.

O representantes do Goberno africano viron o funcionamento do programa Leader e a xestión dos fondos Feader a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRS). Posteriormente desprazáronse ao GDR de Ordes para ver dous proxectos que recibiron axuda e ter, deste xeito, contacto cos pequenos produtores que participan na diversificación da economía local e que levaron a cabo os seus proxectos apoiados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

10 de xuño de 2015 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.