Representantes da embaixada de Estados Unidos visitan as empresas luguesas Ingapán e Regina Viarum

Representantes da embaixada de EEUU nunha das empresas de Lugo
A agregada de Agricultura da Embaixada dos Estados Unidos en España, Rachel Bickford, visitou esta tarde acompañada polo xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, as empresas lucenses Ingapán e Regina Viarum, co obxectivo de coñecer de primeira man os seus métodos de produción como mostra da calidade e das potencialidades do sector agroalimentario galego.
Estas visitas enmárcanse dentro dunha viaxe a Galicia da representante de Estados Unidos impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través de Galicia Calidade, dentro da cal se celebrou esta mesma mañá unha xornada técnica en Santiago para achegar novas oportunidades de negocio no país ás empresas galegas do sector agroalimentario na que participaron unha vintena de empresas certificadas polo selo de garantía, así como varias denominacións de orixe.
O grupo Ingapan, que conta co selo Galicia Calidade, é unha das compañías líderes no sector de alimentación con presenza en maís de 20 países. As empresas que forman parte do grupo obtiveron durante o pasado exercicio de 2014 unha facturación superior a 69 millóns de euro, e empregan a máis de 400 traballadores. Con catro delegacións propias e unha rede de máis de 180 distribuidores, teñen unha capacidade produtiva de 170 toneladas diarias de produto.
Trala visita ás instalacións de Ingapan no Ceao e en Begonte, a agregada da embaixada americana visitou a adega situada en Sober Regina Viarum, do grupo HGA, onde se interseou pola forma de de recolección, producción e distribución dos seus viños.
Regina Viarum, adega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e certificada por Galicia Calidade, ten unha superficie de 4.000 metros cadrados, dos cales 2.000 están destinados en exclusiva á adega, cunha capacidade de 300.000 litros.











