Remata o programa municipal de actividades de inverno con máis de 1.500 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O programa municipal de actividades culturais e deportivas de inverno pecharase nesta fin de semana co remate dos últimos cursos que aínda continúan impartíndose, concretamente os de patinaxe, teatro e zumba kids, todos eles dirixidos aos nenos, e que concluirán coas exhibicións previstas nas seguintes datas, horarios e lugares:

– Patinaxe A Laracha: venres, 18:00 h, pavillón do IES Agra de Leborís.

– Patinaxe Caión: domingo, 12:00 h, pavillón de Xermaña.

– Teatro e zumba kids de Paiosaco: sábado, 12:00 h, centro sociocultural.

– Teatro e zumba kids A Laracha: sábado pola tarde no CEIP Otero Pedrayo, durante o festival de fin de curso no centro.

Desde o pasado mes de outubro e ata esta semana o Concello da Laracha ofertou vinte e cinco disciplinas diferentes aos seus veciños, con propostas dirixidas tanto ao público infantil como aos adultos e tamén ao colectivo da terceira idade. Os obxectivos esenciais foron potenciar os estilos de vida saudables coa práctica de actividades deportivas, facilitar a conciliación das familias con nenos ao seu cargo e ofrecer posibilidades de aproveitamento do tempo de ocio dos laracheses.

O mellor indicativo da boa acollida e valoración dos diferentes propostas por parte dos veciños son os datos de participación rexistrados, superándose en total a cifra de 1.500 persoas anotadas. O Concello da Laracha, para facilitar o acceso da veciñanza en xeral a estes cursos, esforzouse por descentralizar a oferta levando actividades a todas as parroquias, e tamén aplicou descontos nas cotas de inscricións a todas as persoas a partir da segunda actividade e xa desde a primeira a menores de idade, persoas maiores de 65 anos, familias numerosas e familias nas que todos os seus membros se atopaban en situación de desemprego.

Salientar especialmente as altas cifras de participación nos cursos de ximnasia de mantemento, que se achegaron ás 200 persoas. Nas actividades de zumba (adultos e nenos) superáronse os 300 participantes. Nas escolas deportivas municipais houbo case 70 rapaces en baloncesto, 80 en patinaxe e 24 en xadrez

O Concello da Laracha xa está a ultimar o contido do programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá entre os meses de xullo e agosto, tamén con propostas culturais e deportivas dirixidas a todos os públicos.

10 de xuño de 2015 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.