Recollidas en Vigo máis de 1.600 solicitudes para axudas de emerxencia social
O Concello de Vigo recolleu 1.630 solicitudes para a convocatoria de axudas extraordinarias de emerxencia social, e prevé que se chegue, ata o 9 de xuño en que acaba o prazo para presentalas, a unhas 3.000 (unha cifra similar á do ano pasado). Así o confirmou este xoves o alcalde en funcións, Abel Caballero, quen precisou que o proceso de presentación de solicitudes e tramitación está a desenvolverse con “normalidade absoluta”.
O rexedor volveu a insistir en que “non é necesario” que a xente faga cola desde a madrugada para coller o seu número, porque “todo o mundo vai poder cubrir a súa solicitude”. De feito, o Concello ampliou o horario para atender a estas familias, e os funcionarios recollen xa as solicitudes de 8.00 a 18.00 horas no consistorio vigués.
Caballero explicou que as colas son “inevitables” porque se trata de xestións que deben facerse presencialmente, xa que a maioría de solicitantes non teñen acceso a Internet. En calquera caso, repetiu que a presenza de colas en Vigo explícase porque “hai axudas”, mentres que esas colas non existen noutros municipios que non teñen, como a cidade olívica, un programa destas características, dotado con máis de 2 millóns de euros (para axudas de vivenda, subministración de enerxía e alimentación).
DERROGACIÓN DA REFORMA LOCAL
Por outra banda, o rexedor olívico en funcións lembrou que, a partir do 31 de decembro, e debido á reforma da lei de bases de réxime local, os Concellos perderán as competencias en política social, e moitas familias quedarán sen as axudas que agora outorga a administración municipal.
Caballero lembrou que encabezou a denuncia presentada ante o Tribunal Constitucional, en representación de miles de concellos de España, para que se derrogue esa reforma, que provocará que, en canto entre en vigor, a administración autonómica asuma a acción en materia social. “E eu non vexo á Xunta disposta a dar máis axudas”, alertou.
O alcalde socialista insistiu en que Vigo buscará “todos os mecanismos” para poder seguir dando axudas, pero recoñeceu que o interventor non pode autorizar gastos que a lei lle prohibe. “A partir do 31 de decembro non poderemos ter aberto o albergue, non poderemos dar bolsas de comedor, e haberá que cancelar as axudas”, insistiu, aínda que engadiu que el ten a “firme vontade política” de “”seguir dándoas”.











