Rafael Louzán considera asumible o programa de mínimos do BNG para a Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Europa Press

O actual presidente da Deputación de Pontevedra e do PP provincial, Rafael Louzán, insistiu este martes en dirixirse ao BNG para entrar en negociacións tras os resultados das últimas municipais e considerou asumibles as condicións impostas polos nacionalistas para a corporación provincial.

Así, agradeceu ao BNG que “ofreza un pacto de goberno”, tras a presentación do acordo de mínimos que o deputado nacionalista César Mosquera presentou este luns á prensa e que en principio estaba dirixido ao PSOE.

“Nós entendemos que era unha oferta para todos”, contraatacou Louzán, quen reivindicou ao PP como “a forza que ten a lexitimidade” para reunirse con outros partidos políticos co propósito de gobernar na futura corporación provincial.

Louzán dixo que está prevista unha reunión co BNG, aínda que precisou que este encontro estará destinado a coordinar a constitución da próxima corporación, pero o líder popular aproveitará para poñer sobre a mesa novamente a súa proposta de pacto cos nacionalistas.

CONDICIÓNS ASUMIBLES

Rafael Louzán ve asumibles as “liñas vermellas” que figuran no documento presentado polo Bloque, do que dixo que, apoia “o que xa se viña facendo en parte” na Deputación, mentres que outras medidas solo achegan “un novo modo” de afrontar a xestión, como por exemplo, crear outros órganos de control. “Hai que ir nese camiño”, indicou Louzán.

Outras propostas de BNG, como a creación de fórmulas de participación ou de órganos de consultoría e xestión en Turismo Rías Baixas e no Museo tampouco son vistas con malos ollos por Louzán. “Estamos contentos coa forma actual de traballar”, afirmou, aínda que abriu as portas a “reformularse este tema”.

COMPARACIÓN CON ANDALUCÍA

Rafael Louzán mostrouse especialmente molesto polas declaracións do secretario provincial do PSdeG-PSOE, Santos Héctor, quen acusou a Louzán de “mendigar” o goberno da Deputación coa súa insistencia en dialogar co BNG.

O mandatario popular dixo que “o PP está lexitimado para gobernar. “Se nós mendigamos, tamén mendiga a socialista Susana Díaz para lograr a Presidencia en Andalucía”, comparou.

RESPOSTA DE LORES

Pola súa parte, o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, referiuse este martes á insistencia de Rafael Louzán en negociar un pacto para a Deputación, cun lacónico “tarde piaches”.

Tras os comicios do pasado 24 de maio, por primeira vez a esquerda poderá presidir a Deputación de Pontevedra, posto que o PP perdeu a maioría absoluta, ao retroceder a 12 deputados, por dez do PSdeG, catro do BNG e un de Marea de Vigo-SON.

9 de xuño de 2015 | 16:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.