Quince propostas culturais, deportivas sociais e educativas forman o programa de actividades de verán na Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

O Concello da Laracha presenta o completo programa municipal de actividades de verán que se desenvolverá durante os meses de xullo e de agosto e que inclúe un total de quince propostas culturais, deportivas, educativas e sociais. Este verán o Concello dará continuidade ás actividades mellor valoradas polo público en anteriores edicións en base ás cifras de participación rexistradas nos anos pasados e á aceptación que tiveron pola veciñanza en xeral.

Aínda que tamén hai propostas nas que se convida a participar ao público adulto, a maioría das actividades van dirixidas aos nenos. O obxectivo é axudar á conciliación laboral e persoal das familias con cargas, ofrecendo unha ampla programación que se desenvolverá durante case todos os días laborables dos meses de xullo e agosto, isto é, durante a época de vacacións de verán nos centros escolares.

O prazo de inscrición xa está aberto. Deben formalizarse acudindo ao Concello da Laracha en horario de oficina.

Campamentos de Caión e urbanos para os nenos

O programa porase en marcha o luns 29 de xuño co inicio da primeira quenda dunha das propostas clásicas como son os campamentos de verán de Caión. Nesta primeira semana (do 29 de xuño ao 3 de xullo) poderán participar rapaces nados entre os anos 2004 e 2007.  A segunda quenda, do 7 ao 11 de xullo, é para rapaces que naceron entre 2000 e 2003.

En ambos casos o autobús recollerá cada día aos nenos na Praza do Concello ás 10:00 e regresará ás 18:00 horas. O Concello da Laracha faise cargo do transporte, a comida e as actividades a realizar en Caión. Os participantes soamente asumirán os custos da entrada ao aquapark de Cerceda e da xornada multiaventura programadas no calendario de actividades a realizar durante toda a semana.

Para cada unha das quendas hai un límite de cincuenta prazas, que serán outorgadas nun sorteo que se realizará entre todas as solicitudes presentadas.

Os nenos de 3 a 7 anos de idade tamén terán campamentos, neste caso urbanos e de educación en igualdade, que se desenvolverán na capital municipal da Laracha en horario de mañá. A primeira quenda será do 6 ao 10 de xullo e a segunda, do 3 ao 7 de agosto.

Campus de fútbol e de baloncesto

Outras das propostas habituais do programa de actividades de verán son os campus dos deportes máis practicados no municipio. O de fútbol será do 13 ao 18 de xullo no Campo Municipal da Laracha. A quenda dos nenos de 5 a 9 anos irá das 10:00 ás 12:00 horas. Das 12:00 ás 14:00 participarán rapaces con idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos.

O campus de baloncesto terá lugar entre os días 20 e 24 de xullo e vai dirixido a rapaces de entre 5 e 14 anos. Desenvolverase de 11.00 a 13.00 horas no pavillón municipal da Laracha.

Actividades náuticas en Caión

A localidade costeira de Caión acollerá as actividades náuticas de kayak e pádel surf o día 11 de agosto en horario de mañá e de tarde. As prazas son limitadas e poderán anotarse persoas maiores de dez anos de idade.

Día da Bicicleta e rutas en bicicleta de montaña 

O 9 de agosto será o Día da Bicicleta no Concello da Laracha. Trátase da 28ª edición da que, previsiblemente, será a xornada máis multitudinaria do verán. O percorrido comezará ás 11:00 na Praza do Concello, pasarase por Paiosaco e rematará en Caión. Convídase a participar a persoas de todas as idades.

Ademais, para os veciños do municipio que dispoñan dunha bicicleta de montaña e que sexan maiores de 8 anos, haberá tres rutas nas mañás dos sábados 4 e 18 de xullo e 80 de agosto que se van realizar coa colaboración do club Laracha en Dúas Rodas.

Obradoiros no Museo dos muíños de Golmar

Como principal novidade do programa deste ano salientar os obradoiros que se realizarán no Centro de Interpretación dos Muíños de Aiga da Costa da Morte os días 5, 12, 19 e 26 de agosto. Serán en horario de mañá (de 10:00 a 13:30 horas) e van dirixidos a nenos maiores de cinco anos. 

A temática das actividades a realizar xirará en torno aos xogos populares, coñecemento do entorno, respecto do medio ambiente, eleboración de pan e contacontos.

Outras propostas do programa 

Na programación de verán tamén haberá cabida para os cursos de manualidades e pintura, que se realizarán en sesións semanais de dúas horas de duración (11:00 a 13:00 horas) nos meses de xullo e agosto. A quenda dos xoves vai dirixida a nenos de 4 a 8 anos e a dos venres, a rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 17.

Os nenos de 5 a 8 anos poderán disfrutar dunha xornada de xogos recreativos na piscina municipal da Laracha o día 20 de agosto pola mañá. 

O día 1 de agosto proponse a “peque-ruta” dirixida a nenos para maiores de cinco anos de idade e a realizar pola tarde e o 27 de agosto, un cursillo de iniciación ao surf na praia de Caión en horario de mañá.

Por último, salientar as saídas que se realizarán para disfrutar do aquapark de Cerceda (28 de xullo e 4 de agosto), practicar kayak no río Eume (25 de agosto) e ráfting no río Ulla (18 de agosto). 

20 de xuño de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.