Publícase a listaxe de admitidos nas prazas das Mañás de Verán nos CSC de Vite, Conxo, Fontiñas e Santa Marta
O pasado 11 de xuño rematou o prazo para preinscribirse nas actividades matinais previstas para o mes de xullo nos centros socioculturais no marco da iniciativa “Mañás de verán e de xogo”, integradas no programa Vive o Verán 2015. Ao ter recibidas máis solicitudes que prazas dispoñibles, realizarase un sorteo o 18 de xuño para adxudicar as prazas definitivas dos centros socioculturais de Vite, Fontiñas, Conxo e Santa Marta.
Desde este mércores 17 poderán consultarse nos taboleiros dos centros socioculturais as listaxes dos participantes inscritos admitidos ao sorteo das 120 prazas ofertadas nestes tres centros urbanos.
O sorteo, de carácter público, terá lugar o vindeiro xoves 18 de xuño, ás 13:00 horas. no centro sociocultural do Ensanche. A partir do 20 de xuño poderán consultarse as listas definitivas e de reserva tamén nos propios centros e na páxina web www.santiagosociocultural.org.
Nemenzo e A Gracia
No caso dos preinscritos nas “Mañás de xogo” nos locais socioculturais de Nemenzo e da Gracia, todos os que cumpriran coas condicións de participación disporán de praza, non sendo preciso o sorteo.











