PSA Vigo reduce a un sábado laborable en xullo e non prevé paradas nin fins de semana de agosto a setembro
A dirección de PSA Peugeot Citroën en Vigo comunicou ao comité de empresa o calendario de produción para os próximos meses, onde reduce a previsión de fins de semana laborables en xullo a un sábado e avanza que non haberá paradas nin sábados e domingos de produción en agosto e setembro.
Segundo trasladaron fontes sindicais, aínda que no mes de xullo estaban previstos varios paros en fins de semana, a empresa informou o comité de que finalmente haberá un único sábado laborable nos dous sistemas, concretamente o día 4.
Ademais, os horarios da quenda de noite do sistema un – que monta as furgonetas – serán dunhas sete horas e media; e os da quenda variable do sistema dous – monta os monovolumes – , nas semanas de tarde ampliaranse a oito ou nove horas.
Así mesmo, a previsión é que en agosto e setembro non haxa paradas nin fins de semana de produción. A pesar diso, está previsto que, para a realización de obras de modernización, a liña nove de embutición teña como non laborable a semana anterior ao peche por vacacións, que será entre o 27 de xullo e o 16 de agosto.
Por outro lado, a dirección tamén comunicou aos representantes sindicais que se vai impartir formación en seguridade ao colectivo de profesionais de mantemento, co obxectivo de reforzar a súa sensibilización para identificar e evitar riscos nas tarefas que desempeñan.
Finalmente, a fábrica viguesa celebrará en xullo dous actos con motivo do Día Mundial do Medioambiente. Así, o día 4 farase entrega da placa de certificación ISO 14.001 ao director da planta, e o día 7 o centro abrirá para familiares un circuíto pola fábrica en bicicleta ou a pé.











