Primeiro pleno da nova corporación municipal de Bueu para a súa organización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

A nova corporación municipal celebrou onte ás 21 horas a sesión plenaria extraordinaria de organización do modelo de goberno e dos órganos xestores para os vindeiros catro anos. Entre as novidades, a corporación aprobou cos votos a favor do BNG a proposta de asignación de 100 euros por partido máis dez euros por concelleiro a todos os grupos da corporación, como compensación aos gastos e “como forma de revitalizar a política local, que non ten que verse sempre sacrificada”, recalcou Juncal, ao tempo que destacou que “desde 2003 houbo unha mellora do cargo público do político”. Tamén se puxo sobre a mesa a proposta da alcaldía dunha praza de libre designación adscrita a secretaría da alcaldía, con contrato eventual e que poderá ser cesada libremente e cando expire o mandato do alcalde. Se ben esta proposta esta aí, aínda non conta con orzamento nin se vai cubrir inmediatamente.

Neste primeiro pleno tamén foron aprobadas as delegacións xenéricas e específicas, os membros da xunta de goberno local, e os tenentes de alcalde. Ao mesmo tempo, deuse conta da constitución dos grupos políticos que conforman a corporación, e a xunta de voceiros, que queda con Juan Carlos Eirea polo BNG, Berta Pérez polo PP, José Manuel Vilas, polo PSOE,  e Julio Villanueva, de SON.

Haberá comisións informativas por cada unha das delegacións xenéricas, cuxo presidente será o encargado desa área, e que contarán cunha proporcionalidade de cinco representantes do BNG, dous do PP, e un de SON e PSOE. Así, a comisión de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda estará dirixida por Martín Villanueva, a de Economía, Emprego, Consumo e Turismo por Silvia Carballo, a de Portavocía do Goberno e Políticas Sociais por Juan Carlos Eirea, a de Facenda Municipal, Modernización da Administración Local e Réxime Interior por José Inocente García e a de Medio Ambiente Urbano e Servizos por Manuel Otero.

Continuando co que se veu facendo nos últimos catro anos, aprobouse a periodicidade mensual para a celebración das sesións plenarias ordinarias, quedando para o primeiro luns de cada mes ás 20 horas, excepto nos meses de verán que será ás 21 horas. Outra das propostas da alcaldía recolleu a delegación de atribucións plenarias en xunta de goberno local, co obxectivo de “gañar operatividade e rapidez”. As compensacións por asistencia a plenos serán de 50 euros por concelleiro, 40 por asistencia a xuntas de goberno, 40 euros para o presidente das comisións e 30 euros por cada vogal.

Rematada a sesión, os membros da corporación despídense ata setembro no que se retomarán os plenos normais, excepto que exista algún tema que precise de atención inmediata. Ao final, Juncal desexou que “todos teñamos unha convivencia adecuada”.

30 de xuño de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.