Povisa suma un novo recoñecemento á calidade asistencial
Povisa recibiu hoxe un novo recoñecemento á súa calidade, tras a entrega, por parte do Instituto para o Desenvolvemento e Integración da Sanidade, da acreditación QH (Quality Healthcare). A acreditación QH é un indicador sintético de calidade que agrupa os diferentes atributos dos sistemas de calidade existentes, para recoñecer así a excelencia e o esforzo de mellora das organizacións sanitarias. Establece varios niveis, desde o acceso ao sistema QH (selo) ao máximo nivel acreditable (selo máis tres estrelas). Povisa, ao acceder por primeira vez, recibiu o selo cunha estrela.
O acto de entrega das acreditacións QH celebrouse esta mañá en Madrid, e no caso de Povisa foi a súa directora de Enfermaría, María Antonia Muñoz, a que representou ao hospital. O que fai máis prestixiosa a acreditación QH é que identifica, consensúa e pondera os distintos estándares de calidade aplicados nos servizos sanitarios españois, logrando así un recoñecemento integrador que serve de importante referencia para institucións e pacientes. Este ano, o Comité Auditor de QH, que revisa as propostas de acreditación, recibiu 75 solicitudes, das cales o 69,3% corresponde a centros privados, o 17,3 % a hospitais e centros asistenciais de titularidade pública, o 8% a centros concertados e o 5,3% a mutuas. De todas esas organizacións que se presentaron, soamente 37 foron finalmente acreditadas.
A acreditación QH súmase a unha longa serie de recoñecementos recibidos polo hospital Povisa, entre eles a Joint Commision –considerada a máis esixente e prestixiosa do mundo- ou a UNE 179003 ou Certificación Nacional de Seguridade Asistencial, entre outras.











