Povisa reduce á metade a espera en dermatoloxía coa implantación da teledermatoloxía
Povisa logrou reducir nun 50% o tempo de espera das primeiras consultas no seu servizo de Dermatoloxía, como resultado da implantación da teledermatoloxía e a teledermatoscopia en colaboración cos centros de Atención Primaria.
Cando arrincou o sistema, en abril de 2011, a espera media en Dermatoloxía de Povisa era de 74 días, que se reduciron a 44 en abril deste mesmo ano. Esta espera fai referencia a primeiras consultas, porque as consultas preferentes aténdense en menos dun mes.
Os once centros de saúde da área sanitaria de Povisa – Coia, Navia, López Moura, Rosalía de Castro, Coruxo, Cangas, Moaña, Gondomar, Baiona, Val Miñor e Panxón- colaboran actualmente co hospital na súa aplicación, que permite descartar de forma rápida, e sen necesidade de acudir ao especialista, se unha mancha, un lunar ou unha lesión cutánea poden ser potencialmente perigosas. Isto permite ao paciente despexar as súas dúbidas e obter un primeiro diagnóstico, acudindo ao seu médico de cabeceira, quen fotografa a lesión cunha cámara especial e envíalla ao dermatólogo, a través dunha plataforma informática, se existe a sospeita de que poida tratarse dunha doenza grave como un cancro de pel.
Nos últimos meses ampliouse o rango de aplicación do sistema non só ás lesións cutáneas graves, senón en principio a todas as lesións. Isto fai que nalgúns casos o dermatólogo poida diagnosticar por teledermatoloxía unha afección menor e recomendar a terapia a través do médico de Atención Primaria, evitando incómodos desprazamentos ao paciente. Actualmente, vía teledermatolóxica realízanse unhas 1.300 consultas ao ano, e todas se diagnostican en menos dunha semana.











