Povisa realiza os seus primeiros transplantes de córnea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

Povisa levou a cabo onte os dous primeiros transplantes de córnea na historia do hospital. As intervencións foron realizadas pola Dra. Marta López, responsable da sección de polo anterior de córnea, e as pacientes foron dúas mulleres de avanzada idade que evolucionan satisfactoriamente.

Os transplantes de córnea prodúcense tras completar o hospital, o pasado mes de febreiro, os trámites administrativos para operar como centro extractor e de implantación de tecidos oculares, o que lle dá autorización para levar a cabo tanto transplantes de córnea como de membrana amniótica.

Tal e como marcan os protocolos, as extraccións efectúanse en doantes falecidos, e as córneas son enviadas ao Banco de Ollos da Coruña, desde onde se distribúen aos centros sanitarios de Galicia. O Banco de Ollos da Coruña coordina tamén os envíos de membrana amniótica, extraída nos partos con cesáreas programadas.

O transplante de córnea ou queratoplastia utilízase nos casos de perda ou diminución da agudeza visual por alteración na transparencia, e en adelgazamentos severos ou perforacións corneais. O de membrana amniótica, no caso de patoloxías inflamatorias da superficie ocular.

26 de xuño de 2015 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.