Posta en valor do cemiterio de San Francisco cun proxecto que divulga a súa riqueza histórica, patrimonial e cultural
Poñer en valor o cemiterio municipal de San Francisco e divulgar o seu extraordinario valor desde o punto de vista histórico, patrimonial e cultural é o obxectivo do proxecto que desenvolve a Concellería de Cemiterios do Concello de Ourense. A concelleira en funcións Marga Martín presentou esta mañá as liñas principais desta iniciativa, coa que o Concello pretende recoñecer o especial atractivo deste camposanto, inaugurado o 9 de maio de 1834, como consecuencia da promulgación dunha Real Orde de 30 de xuño de 1814 que instaba ao Concello a buscar terreos afastados do núcleo urbano para a súa construción.
O cemiterio, declarado ben de interese cultural no ano 2000 acolle as sepulturas de milleiros de veciños e veciñas de Ourense, entre eles un gran número de persoeiros de diferentes campos da cultura e da arte galega.
Os traballos realizados inclúen a dixitalización da totalidade dos 29.000 enterramentos realizados neste cemiterio desde 1906, primeiro ano do que se conservan datos ata 1993, cando se incorporou o Rexistro informático de cemiterios. A dixitalización realizada permite garantir a conservación, accesibilidade e consulta, en caso de ser precisa, de toda a documentación, evitando o risco de deterioro da acumulada en papel
O proxecto inclúe tamén a sinalización física das sepulturas dun total de 50 persoeiros ourensáns dos ámbitos da cultura, as artes as letras, principalmente, enterrados no cemiterio municipal, e un panel divulgativo acerca da súa traxectoria.
Coa mesma finalidade, tamén se preparou unha páxina web, que entrará en servizo nos próximos días, que recolle toda a información de interese acerca do cemiterio municipal, incluindo unha visita virtual, unha reseña da súa historia, referencia dos persoeiros ilustres nel enterrados, reseñas biográficas e unha galería de fotos. A web entrará en servizo proximamente. Tamén se activará un código QR que permita acceder a toda a información.











