Posta en marcha das obras de construción da pista multideportiva e área verde en Monte Claro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

As obras de construción dunha pista multideportiva e unha área verde con parque biosaudable públicos na urbanización Monte Claro (parroquia de Cabovilaño) xa están en marcha despois da sinatura da acta de replanteo do proxecto realizada polo alcalde, José Manuel López Varela, o edil de obras, Jesús Souto, o director de obra e o representante da empresa construtora, a larachesa Construcciones J. Esmorís e Hijos.

O Concello da Laracha investirá nesta actuación 70.000 euros procedentes na súa totalidade de fondos propios municipais. O obxectivo é fomentar os estilos de vida saudables reforzando a cobertura en instalacións públicas de uso libre para facilitar a práctica deportiva á poboación municipal en xeral.

A nova pista multideportiva será de uso libre e estará delimitada por un peche de malla. O proxecto contempla o marcado das liñas dos terreos de xogo e o correspondente material preciso para a práctica de cada modalidade deportiva (fútbol, baloncesto, tenis, etc.). 

Pola súa parte, a zona verde prevista contará con itinerarios peonís para un cómodo tránsito a pé, mobiliario urbano para ser empregada como área de descanso e esparexemento, e tamén cun parque biosaudable co obxectivo de facilitar o exercicio físico ás persoas maiores e ao colectivo da terceira idade. 

Tanto a pista multideportiva como a área verde con parque biosaudable serán públicas, para uso xeral da veciñanza larachesa e crearanse nunha parcela de titularidade municipal que está cualificada no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para albergar equipamentos. O seu emprazamento é excelente ao ubicarse nunha zona residencial que conta con excelentes comunicacións por situarse a carón da estrada C-552.

23 de xuño de 2015 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.