Portos de Galicia realiza obras de mantemento na explanada da nave de redeiras en Bueu
O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o peirao do porto de Bueu, para comprobar o grao de execución das obras de pavimentación e reforzo da superficie portuaria que se están levando a cabo neste peirao fronte á nave de redeiras. Ademais o presidente de Portos tamén comprobou a reparación realizada na cuberta da nave. Estas dúas actuacións supuxeron un investimento de máis de 25.000 euros
José Juan Durán, manifestou que “as obras de pavimentación e reforzo da superficie desta parte do peirao de Bueu, fronte a nave de redeiras, forman parte das de mantemento que Portos de Galicia leva a cabo en diversos peiraos autonómicos” e sinalou que neste momento se cumpren os prazos previstos para a súa execución.
Esta actuación lévase a cabo dadas as condicións nas que se atopaba dita zona debido ao paso de camións de gran tonelaxe preto da rampla de saída da nova báscula. Consiste na demolición de 300 metros cadrados de firme en lastra e aglomerado asfáltico, e a reconstrución deste pavimento en formigón armado de 20 centímetros de espesor, sendo necesaria tamén a reconstrución de 41 metros de condución para a evacuación de augas pluviais.
Por outra banda, recentemente quedaron rematadas as obras de reposición de todas as pranchas da cuberta da nave de redeiras, correspondentes ao remate metálico da cumieira e dos apoios metálicos das pranchas en ambos lados da cuberta. Esta actuación levouse a cabo a petición da confraría de pescadores de Bueu.
Con esta actuación dáse resposta ás necesidades dos usuarios do porto que desenvolven a súa actividade en Bueu e que precisaban dunha mellora e acondicionamento desa zona de traballo.











