Portos de Galicia inviste un millón de euros nas obras de mellora do abrigo de Porto do Son

José Juan Durán no peirao de Porto do Son
Portos de Galicia está a investir preto dun millón de euros nas obras de mellora do abrigo do peirao de Porto do Son, procedente dunha partida de Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER). O presidente do ente público visitou esta mañá a zona na que se están a executar os traballos, que cumpren os prazos previstos e poderían estar rematados neste mesmo verán.
En concreto a actuación consiste na ampliación do actual dique de abrigo en 30 metros en dirección sur-sureste, co fin de mellorar as condicións de seguridade das embarcacións que queden atracadas no interior da dársena. Así mesmo, está xa instalado -como complemento destes traballos- un pantalán de 39 metros para atraques de 30 embarcacións de 7ª lista na dársena interior do porto.
O proxecto inclúe tamén obras complementarias do dique, como son a canalizacion de alumeado, a instalación dunha varanda de aceiro e escaleiras no morro do dique e barreiras antiturbidez durante a execución das obras. Finalmente, e como obras complementarias do pantalán, construirase unha pasarela de 15 metros de lonxitude e 1 de anchura, ademais da instalación de fingers (brazos de amarre), placas de numeración de prazas, subministro de luz e auga.
Portos de Galicia mellora con esta actuación a seguridade e operatividade do conxunto do peirao, fundamentalmente á flota do sector profesional, dando resposta a unha problemática prioritaria para o ente público como é a dotación de abrigo a todos os peiraos autonómicos. Esta actuación conta cun prazo de execución de 10 meses.











