publicidade hoxe

Pleno breve e tranquilo para aprobar as obras no campo de fútbol de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Seis minutos foron máis que suficientes para tratar e aprobar por unanimidade os tres puntos que compoñían a orde do día do penúltimo pleno antes da constitución do novo Concello. O máis relevante foi o da adxudicación á empresa Arce Jardinería S.L. das obras de conversión a céspede artificial do campo de fútbol municipal. Porén, a sesión tamén serviu para darlle o visto e prace ao modelo de declaración de bens e intereses que deben presentar tanto as concelleiras e concelleiros saíntes como entrantes consonte a normativa reguladora das administracións públicas.

O pleno comezou, como é habitual, coa aprobación da acta da sesión anterior para meterse despois de cheo no punto referido á adxudicación das obras do campo. O secretario municipal explicou como se desenvolvera o procedemento que resultou na proposta de encargarlle o traballo á empresa de Sada Arce Jardinería S.L., por ser a que máis puntuación obtivo tras sumar os criterios técnicos valorados por unha comisión de expertos e tamén o prezo, que rebaixou en arredor de 16.000 euros os 342.000 orzamentados inicialmente. 

Neste punto só interviu o portavoz socialista, Fernando Márquez, para preguntar se a empresa adxudicataria tiña ou non experiencia neste tipo de obras. Unha cuestión á que lle respostou o propio secretario afirmativamente e puntualizando que a solvencia técnica e o feito de ter desenvolvido traballos similares foran criterios valorados no proceso. A proposta, que tivo que vir ao pleno por exceder o importe das obras o 10 por cento dos recursos municipais, aprobouse por unanimidade.

Houbo tamén acordo dos tres grupos no modelo de declaración de bens e intereses que terá que cubrir a corporación saínte e a entrante para deixar constancia do patrimonio, ingresos, participación en sociedades, causas de posible incompatibilidade, etc. no tempo en que sexan representantes públicos. Datos que quedarán custodiados pola secretaría municipal nun rexistro que é público e ao que se poderá acceder, tal e como marca a lei, previa solicitude e a acreditación de interese lexítimo. 

A sesión rematou 6 minutos despois de empezar. Iso si, antes do remate a corporación quedou emprazada para o día 10 ás 13.00h. para celebrar o que será o último pleno antes da constitución do novo Concello. Como único asunto da orde do día recollerase a sinatura da acta do pleno de onte e tamén das comisións informativas. A toma de posesión producirase tres días despois, o sábado 13, previsiblemente pola mañá.

5 de xuño de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.