publicidade hoxe

Pepe Pozas visita o III Campus Obradoiro CAB – Barbanza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroDeportes
A-
A+
Pepe Pozas na visita ao campus

Pepe Pozas na visita ao campus

O III Campus Obradoiro CAB – Barbanza afrontou hoxe a súa terceira xornada cunha visita moi especial, a da base do Rio Natura Monbus Obradoiro, Pepe Pozas. O xogador malagueño pasou a mañá en Boiro, localidade na que se celebra a actividade, onde coñeceu ao máis do medio centenar de participantes que aspiran a xogar algún día tamén en Liga Endesa. Tras uns momentos de charla e sinaturas de autógrafos no material do campus, os pequenos compartiron pista con Pozas, chegando mesmo a eliminalo nos xogos.

“É un pracer ver o ben que o están pasando, lémbrame moito aos bos momentos que vivín e á cantidade de amigos que coñecín eu nestas ocasións”, comentaba o base. “Ademais, paréceme un dos mellores sitios para facer un campus, aquí respírase verán. Persoalmente, frecuento a praia de Boiro e seguro que os nenos lle están collendo agarimo tamén”, chanceaba. A cita conta ademais de novo co apoio de Jealsa, firma sempre implicada coas actividades de desenvolvemento social realizadas na comarca barbancesa.

Outra das novidades desta edición é a presenza do adestrador Mark Jarram, pertencente ao club inglés Leicester Riders, que outorgará unha bolsa aos dous “MVP” do campus para que poidan participar na actividade homóloga celebrada por eles na cidade inglesa. As bolsas inclúen gastos de matrícula, aloxamento e comidas durante a duración da cita.

O campus, que tamén onte contou coa visita da xogadora compostelá de Liga Feminina 1,  Arantxa Mallou, prolongarase ata o mércores, día en que se realizará a entrega de diplomas final. Ata a data, aos participantes aínda quedan varias xornadas de diversión e tecnificación, ademais dunha última noite con moitas sorpresas pasando a noite no propio pavillón de Santa Baia. 

29 de xuño de 2015 | 18:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.