Óscar Viana traballará coa selección española de baloncesto masculina U20

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O preparador físico do Rio Natura Monbus Obradoiro, Óscar Viana, traballará coa selección española de baloncesto masculina U20 este verán no europeo da categoría que se disputará en Lignano Sabbiadoro (Italia). Para Óscar é a primeira experiencia cun combinado nacional, aínda que xa estivo presente nunha concentración previa de tres días que “foi unha primeira toma de contacto cos xogadores. Aproveitamos o tempo para traballar con eles e comezar o traballo táctico e de avaliación física”.

Óscar Viana concentrarase coa selección do 17 de xuño ao 19 de xullo. Primeiro farao na localidade xerundense de Platja d’Aro, onde disputarán dous torneos preparatorios e despois desprazaranse ao nordés de Italia, sede do europeo, do 7 ao 19 de xullo, onde están encadrados no grupo C xunto a Rusia, Polonia, República Checa e Ucraína.

Persoalmente o que pretende Viana é “primeiro aprender todo o que poida.  Achegarei experiencia dentro do traballo de condición física, de prevención de lesións, xestión e organización do grupo, a través do adestrador. Algo similar ao que xa fago no Rio Natura Monbus Obradoiro, pero esta vez noutro equipo”. 

Sobre o persoal destaca o compromiso dos xogadores. “É un grupo bastante equilibrado, moi traballador e moi comprometido cos obxectivos. Pero é certo que a competición vai ser moi complicada e cun gran nivel das outras seleccións. Vai haber que pelexar cada minuto, pelexar cada partido e pelexar cada adestramento para poder render ao máximo. O noso obxectivo é facer un bo adestramento os días 17, 18, 19, gañar o primeiro partido e ir aos poucos, día a día. A partir de aí, ir vendo como funciona o equipo e a competición. Tampouco queremos marcarnos obxectivos a longo prazo”, conclúe.

9 de xuño de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.