Os xóvenes empresarios colaborarán en actos culturais do Liceo de Ourense
O vínculo que este acordo establece entre ambas as entidades vai encamiñado, segundo reza o texto, a beneficiar aos asociados das dúas institucións e buscar a conxunción de ideas e actuacións en prol do desenvolvemento cultural, intelectual e económico de Ourense e os seus cidadáns. Por medio deste convenio o Liceo de Ourense e AJE Ourense comprométense a colaborar naqueles actos culturais que consideren oportunos para contribuír a ese progreso da cidade en todos os ámbitos e que é o fin último do acordo. Tanto Javier Casares como Lois Babarro coinciden na necesidade de articular a sociedade por medio de asociacións de toda índole que poidan logo establecer sinerxías e colaborar en beneficio dos cidadáns.
Non en balde, o propio convenio de colaboración establece a súa apertura á participación de todas as agrupacións que queiran desta maneira achegar propostas para abarcar máis intereses conxuntos. A Asociación de Xóvenes Empresarios, con case 60 membros, dinamizou a súa actividade co fin de promover e facer visible a cultura emprendedora por medio de numerosas accións como o recoñecemento anual ao mellor empresario da provincia, encontros de emprendedores, sesións con escolares, organización de actividades deportivas, así como a colaboración, por medio de convenios, con institucións da cidade e centros docentes. Difundir a cultura emprendedora e sensibilizar a estas institucións sobre a importancia de apoiar a creación de empresas, é o fin último desta asociación empresarial.











