Os tratamentos das enfermidades mentais rexistraron importantes avances nos últimos anos

Rocío Mosquera na clausura do proxecto Obrador
O tratamento das enfermidades mentais está a rexistrar importante avances nestes últimos anos, tales como os psicofármacos, a psicoterapia, a rehabilitación psicosocial ou a rehabilitación laboral, por exemplo. Así o puxo de manifesto a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, na clausura do Proxecto Obrador, Cara á integración do paciente, que organizou a Asociación LAR Pro Saúde Mental.
No acto sinalou que “son máis as persoas con enfermidade mental grave que se recuperan o suficiente para desenvolver un traballo e vivir de xeito autónomo na nosa sociedade” e, neste eido, valorou moi positivamente iniciativas como esta que contribúen a combater e superar actitudes sociais de rexeite dos enfermos mentais. Así, deu os parabéns tanto a Asociación Lar Pro – Saúde Mental, á Panificadora Víctor Cordo e fillos, e aos responsables do Proxecto Di_capacitados de Janssen.
A pesares dos avances logrados, o desemprego e a exclusión do mundo laboral constitúe unha das máis importantes desvantaxes sociais que padecen gran parte das persoas con enfermidade mental grave, “e temos que ser capaces de superar esta dificultade”.
Segundo quedou constatado, o desenvolvemento dun traballo “beneficia á persoa con enfermidade mental, non so por seren a vía máis normalizada de integración social, senón, tamén, porque diminúe os síntomas e, por tanto, mellora a evolución da enfermidade”.
Na loita contra o estigma social que supón a enfermidade mental, a Consellería de Sanidade puxo en marcha, xa no ano 2010, en colaboración coa Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental, o Proxecto NISE, no marco do que se están a realizar conferencias, exposicións, ciclos de cine, talleres psicoeducativos, etc, e no que xa participaron máis de 30.000 persoas. O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar á poboación respecto da enfermidade mental, ademais de ofrecer información, formación e educación sanitaria a familiares e persoas con trastornos mentais.
Erradicar o estigma e integrar ás persoas
Cómpre, pois, “planificar e manter a longo prazo os programas para erradicar o estigma, combinados con campañas de sensibilización, enfocadas a reducir a discriminación, a través da reflexión sobre as actitudes e as concepcións sobre a enfermidade mental”. Segundo a conselleira, “debemos actuar a todos os niveis, máis aló da parte asistencial, informando nas escolas, nos centros de traballo, na rede socio-sanitaria, nas empresas e nos medios de comunicación. Do que se trata é de suprimir mitos e prexuízos, aceptar a enfermidade mental e lograr integrar ás persoas que a padecen”.
Neste eido, para mellorar a saúde mental “non basta con tratar as enfermidades mentais de maneira efectiva. A promoción da saúde mental e a prevención das enfermidades mentais pode levar a unha mellora sanitaria, social e económica; a favorecer a inclusión social e a produtividade, a reducir o risco de complicacións e a mala evolución das enfermidades mentais e das alteracións de conduta, e, ademais, diminuír o custe en materia de benestar social e atención sanitaria”.











