Os servizos de limpeza da Coruña recolleron 120 toneladas de lixo nas praias despois da noite de San Xoán
O dispositivo de limpeza despregado nas praias desde primeira hora da mañá de hoxe recolleu, ata as 14.00 horas, 120 toneladas de lixo procedente da noite de San Xoán, segundo informou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, María García, un dato que aínda podería medrar nas próximas horas (actualizarase ao longo do día). Os equipos, formados por 110 profesionais, comezaron as súas tarefas ás 06.00 horas e contra as 12.00, Riazor quedaba aberta ao público para o seu uso. En canto ao vidro, recolléronse dos colectores dispostos en todo o Paseo Marítimo un total de 3.200 quilos.
Pola súa banda, os servizos sanitarios atenderon a un total de 237 persoas, 127 delas por queimaduras. É o balance dunha festividade que congregou nas praias a uns 150.000 participantes, segundo os cálculos do Concello, que durante toda a xornada desplegou un dispositivo especial con máis de 500 efectivos para velar pola seguridade de todos e de todas. O bo facer dos profesionais e do voluntariado, que traballaron durante toda a noite e as primeiras horas do día de hoxe, permitiu que a festividade se desenvolvera sen incidencias de maior consideración.











