publicidade hoxe

Os premios D.O. Ribeiro recoñecerán aos cociñeiros galegos con estrela Michelín e á sumiller Gemma Vela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLeiroLocal PortadaRibadavia
A-
A+

A Denominación de Orixe Ribeiro vive o vindeiro mércores 17 de xuño a súa gran cita, coa entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que galardoa aos mellores viños brancos e tinto da D.O. Ribeiro e outras iniciativas profesionais, presentación da colleita 2014 e balance do último ano na xestión e promoción.

O histórico Mosterio de San Clodio (Leiro, Ourense) será a sede desta xornada, que comezará ás 12.30 horas e reunirá a destacados profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, maioristas, xornalistas, divulgadores, prescriptores… Trátase dun lugar singular de abondo, cuna da viticultura galega e máis das súas variedades autóctonas.

A gastronomía galega será a protagonista neste evento xa que o colectivo de restaurantes e cociñeiros galegos con Estrella Michelín van recoller o relevo de Josep Roca (El Celler de Can Roca – Girona) recibindo nesta ocasión o Premio de Honra. Este galardón quere recoñecer o esforzo que realizan para que a enogastronomía galega viva un grande momento; polo seu traballo abríndoa cada vez máis ao mundo; e polo seu apoio aos produtos do País, en particular ao viño da D.O Ribeiro.

Galicia conta actualmente con 12 Restaurantes Estrelas Michelín: Nova, liderado por Julio Sotomayor e Daniel Guzmán (Ourense); A Estación, con Bea Sotelo e Juan Crujeiras (Cambre); O Retiro da Costiña, de Manuel García (Santa Comba); As Garzas, comandado por Fernando “Caco” Agrasar (Barizo-Malpica); Árbore da Veira, de Luis Veira (A Coruña); Alborada, dirixido por Iván Domínguez  (A Coruña); Casa Solla, de Pepe Solla (Poio); Yayo Daporta (Cambados); Pepe Vieira Camiño da Serpe, con Xosé Cannas (Poio); Maruja Limón, con Rafa Centeno (Vigo); Culler de Pau, de Javier Olleros (O Grove) e Silabario, con Alberto González (Tui).

A Denominación de Orixe Ribeiro quere salientar o papel que xogan as mulleres no mundo do viño e, nesta cita, entrega o seu primeiro Premio “Fusión Muller e Viño”. Gemma Vela Humanes, primeira sumiller do Hotel Ritz (Madrid) dende o 1995, é a  recoñecida; trátase dunha das primeiras mulleres en exercer este oficio en España e a primeira en tomar ese rol nun hotel de cinco estrelas.

No transcurso da gala coñeceranse os gañadores do resto de categorías. Trátase de: Premio “Mellor tarefa de comunicación”; Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de vinos”; Premio “Mellor Viño Tinto”; Premio “Mellor Viño Branco Colleiteiro”; e  Premio “Mellor Viño Branco Adega”.

Durante a cerimonia tamén vaise entregar o galardón “Cociñar con Ribeiro” ao IES Vilamarín, gañador do concurso de receitas da Feira do Viño do Ribeiro; e o Premio Ribeiro ao mellor traballo de investigación elaborado polos alumnos do Instituto Galego do Viño (INGAVI).

A presentación da última colleita de viños do Ribeiro da man de Pablo Vidal, director técnico do Consello Regulador e acompañado por grandes expertos vinícolas, será outro dos atractivos da gala. 

O C.R.D.O. Ribeiro traballa dende hai anos na modernización das súas estruturas. A través dun esforzo estratéxico en xestión, comunicación e comercialización, os seus viños están a chegar a novos padais e mercados.

12 de xuño de 2015 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.