Os Museos Científicos Coruñeses cambian de horario as actividades durante o verán
Os Museos Científicos Coruñeses cambian desde hoxe e ata o 31 de agosto o horario de apertura, que pasa a ser o seguinte: A Casa das Ciencias e a Domus, de luns a domingo, abrirá de 10.00 a 20.00 hora e o Aquarium Finisterrae, de luns a domingo, de 10.00 a 21.00 horas (o acceso péchase ás 20.00 horas).
Ademais dos contidos habituais, os tres centros ofrecen durante o verán diversas actividades. Na Casa das Ciencias haberá sesións de planetario todos os días: ás 11.00 horas “La niña que sabía caminar al revés” (infantil, de 4 a 7 anos), ás 12.00 horas “Explorando el Sistema Solar” (recomendada para máis de 10 anos), ás 13.00 horas “A noite do vampiro” (infantil, de 4 a 10 anos), ás 17.00 “O mundo de Fugaz” (infantil, de 4 a 7 anos), ás 18.00 “Unha noite de verán” (sesión en directo para recoñecer as estrelas e constelacións que poden verse a simple vista, recomendada a partir de 10 anos) e ás 19.00 horas “Deep Sky” (a partir de 10 anos).
Na Domus, no seu cine 3D, proxectarase a diario ás 12.00, 13.00, 17.00, 18.00 e 19.00 horas a película “Titáns da idade de xeo”, unha viaxe ás belas paisaxes xeadas do hemisferio norte de hai 20.000 anos, unha era que cobra vida da man dos tigres dentes de sabre, os mamuts, os preguiceiros e os seres humanos prehistóricos, que loitaron por sobrevivir.
E no Aquarium, cada día se celebrarán as seguintes actividades:
Ás 11.00 e ás 16.30 horas. Visita guiada. Un percorrido polos grandes acuarios da Sala Maremagnum, a exposición “Muuultiplicaos”, ao Nautilus e á actividade de alimentación das focas.
Ás 11.30 horas. Falando con peixes (luns, mércores e venres). Unha actividade na que o público pode ver como se da de comer aos tiburóns e facer preguntas ao acuarista que está mergullado no tanque.
Ás 12.00 e ás 17.00 horas. Alimentación das focas. As focas das piscinas exteriores comen dúas veces diarias: a mediodía e a media tarde. Os monitores dan unha charla divulgativa ao público que se achegue a velas.
Ás 13.00 e ás 19.00 horas. Taller para nenos na Charca das Caricias. Actividades relacionada coa bioloxía das especies mariñas dirixidas aos máis pequenos.











