publicidade hoxe

Os máis pequenos iniciaranse nos oficios artesanais na feira Corazón da Artesanía en Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgolada
A-
A+

O Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebrará no concello pontevedrés de Agolada entre os días 3 e 5 de xullo, impulsado pola Consellería de Economía e Industria, contará entre o seu amplo programa de actividades cunha programación específica destinada ao público infantil. Así, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño organízanse talleres para iniciar os máis pequenos en diferentes oficios artesanais que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía.

Por unha banda, a artesá Palmira Castro, do obradoiro Mimadriña (Fisterra), impartirá o taller “Elaboración de guirnalda decorativa”, a partir de barquiñas e peixes de origami, cosidas cunha máquina Singer centenaria. O taller realizarase durante os tres días da feira en horario de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas.

Ademais, o luthier Xaneco Tubío (Outeiro de Rei) encargarase da actividade “Elaboración de xoguetes sonoros”, que se realizará o venres, o sábado e o domingo de 11:30 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Este obradoiro ten o obxectivo de ensinarlle ao público infantil do século XXI unha serie de xoguetes sonoros que os nenos galegos elaboraban ata mediados do século XX aproveitando os elementos que a natureza lles proporcionaba.

As tardes do venres, do sábado e do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, a Praza do Concello estará dedicada ao taller “Substitúe o lixo por vida” impartido pola cooperativa O Canto da Balea (Carnota). A actividade consiste en clasificar o lixo presente nas nosas costas, mediante o xogo, e substituílo por unha especie mariña. O xogo complementarase co obradoiro Artelixo, no que os máis pequenos poderán transformar este lixo en obxectos decorativos.

O domingo de 17:30 a 19:30, os nenos e nenas de entre 6 e 12 que se acheguen ata o pendello O Paladar poderán participar na actividade “Artesanía no Prato”, na que aprenderán a elaborar pratos fríos e posteriormente presentalos con pezas de artesanía como soporte. Para esta actividade é necesaria a inscrición previa na páxina artesaniadegalicia.xunta.es.

A cuarta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebrará no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades, centrado na exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, inclúense tamén actuacións musicais, formación especializada para artesáns e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, coloquios con artesáns expertos ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

Estes talleres gratuítos de iniciación ao oficios artesanais estarán abertos á participación de público tanto adulto como infantil e desenvolveranse ao longo dos tres días da feira en horario de mañá e de tarde. Os ceramistas Susana González Amado e Antón Román impartirán “Iniciación ao torno cerámico”, no Pendello Cerámica, a cesteira Lola Tourón encargarase do taller “Iniciación á cestería”, no Pendello Cestería, e as artesás téxtiles Aurelia Costas e María del Mar Fernández traballarán cos visitantes no Pendello Centón na elaboración dunha peza conxunta no marco do taller “Iniciación ao centón”.

A organización destas actividades de divulgación e posta en valor da artesanía forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

22 de xuño de 2015 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.